Os maiores de Betanzos propoñen no seu “pleno” unha residencia pública para maiores, melloras na piscina, unha feira comarcal ou provincial con actividades para o colectivo e a creación de máis parques biosaludables.

348

Betanzos celebrou hoxe o seu pleno de maiores. Trátase dunha actividade que desde hai anos se desenvolve co alumnado de Primaria dos colexios do municipio, coincidindo co Día da Constitución, e que hoxe se realizou coas persoas maiores dentro do programa “Betanzos Acompáñate”. Participaron 17 persoas, homes e mulleres, representando os obradoiros municipais de memoria, os talleres da Cruz Vermella, as actividades de +60 de Afundación e a asociación de xubilados e pensionistas.

Cada grupo asociativo tivo a súa representación no pleno, é dicir, houbo catro grupos (como catro partidos políticos) que presentaron mocións, rogos e preguntas. A temática foi libre, aínda que se centrou en propostas para este colectivo de idade e en cuestións relacionadas co día a día da cidade.

Como no pleno infantil, houbo unha alcaldesa, Pilar Babío Rodríguez, do grupo municipal de memoria.

En canto ás mocións, presentáronse oito. O grupo de memoria do Concello presentou unha proposta de ampliación da oferta de actividades municipais, cun baile unha vez ao mes e un incremento do número de prazas para estas actividades. Outra proposta foi a mellora das instalacións da piscina municipal, implicando tamén a outras administracións públicas.

Pola súa banda, o grupo Espazo +60 de Afundación-Abanca propuxo a creación dunha feira para persoas maiores de carácter comarcal e provincial, na que se desenvolvan actividades como exposicións, xornadas informativas sobre alimentación saudable, actividades de lecer, culturais e gastronómicas, así como iniciativas relacionadas coa seguridade, a tecnoloxía e o benestar das persoas maiores. Outra das súas propostas centrouse nun programa de axudas económicas dirixidas ás persoas con pensións baixas e ás familias con menores ao seu cargo.

O colectivo da Cruz Vermella propuxo un programa de limpeza viaria, do cemiterio e dos parques e xardíns, así como a creación de máis parques biosaludables. Pola súa parte, a asociación de pensionistas e xubilados plantexou ao pleno a creación dunha residencia pública para maiores e a promoción dun programa contra a soidade non desexada, enfocado á xente maior.

Todas as mocións foron aprobadas por maioría absoluta.

As 17 persoas maiores concelleiras foron recibidas pola alcaldesa, María Barral, quen entregou o bastón de mando á alcaldesa que presidiu a sesión plenaria. Pilar Babío Rodríguez, de oitenta anos e usuaria da piscina municipal, contou co asesoramento da propia María Barral, quen volveu mostrar a súa satisfacción pola celebración desta actividade, “coa que buscamos a participación das nosas persoas maiores para que nos trasladen melloras ou propostas que o Concello poida ter en conta e que, ademais, coñezan de primeira man o funcionamento da administración. Achegar a administración ás persoas maiores, abrirlles as portas para que a coñezan de preto e facelas partícipes da toma de decisións”.

María Barral destacou tamén que outra das cuestións que máis satisfacción lle produce desta actividade é “poder escoitar ás nosas persoas maiores, escoitar os seus plantexamentos e a súa visión da cidade, e o pleno será unha ocasión única e especial para facelo”.

A actividade enmarcouse no programa Betanzos Acompáñate, dirixido a maiores de 65 anos, un programa que naceu co propósito de detectar casos de soidade non desexada e que inclúe accións para involucrar na comunidade ás persoas maiores nesta situación, ademais de crear unha rede de acompañamento entre os diferentes axentes sociais do territorio.