O Concello de Betanzos colabora no proxecto “21 días co galego e +” no IES As Mariñas

498

O Concello de Betanzos colabora co IES As Mariñas no proxecto de dinamización lingüística “21 días co galego e +” para fomentar o uso do galego entre a rapazada. Por primeira vez un centro betanceiro participa nesta iniciativa cuxa singularidade reside na vontade de implicar os rapaces e rapazas durante un tempo determinado en todas as facetas da súa vida, na procura de que o galego sexa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e en levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos colabora co Equipo de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas en varias actividades que pretenden levar adiante nos “21 días co galego e +” que terán lugar entre o 22 de febreiro e o 15 de abril. En concreto, o Concello levará o día 22 de febreiro a Manuel Núñez Singala, recoñecido sociolingüista galego, para a conferencia inaugural das xornadas, que coincide, ademais, no día seguinte do Día das linguas materna, e o vindeiro 15 de febreiro a “Nabiza Girl”, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida que pechará as xornadas. Complementan esta programación as teatralizacións “Sempre Rosalía” que terán lugar o 23 de febreiro e mais o inicio dun Obradoiro de apoderamento lingüístico para o alumnado de 4.º de ESO.

21 días co galego e + é un programa promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino, no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade. Esta iniciativa de dinamización lingüística nace para que o alumnado fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas e que, alén diso, analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa nosa, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.