Betanzos comenzou o programa de campamentos de verán no que este ano participarán cerca de 200 rapaces

63

28O Concello puxo en marcha os campamentos de verán nos que este ano participarán 180 rapaces e rapazas logo de ampliar o número de prazas e o horario de 08:00 h a 15:00 h, na súa aposta por seguir avanzando nas políticas municipais de conciliación familiar e de igualdade. Esta ampliación do número de prazas fixo que ningún dos e das nenas inscritas quedara fóra das actividades.

Os campamentos, que se desenvolverán en tres quendas, celebraranse ata o vindeiro día 14 de agosto a través do programa municipal Concilia, que este ano centra a súa actividade baixo o lema Artellando Redes.

 

 

Por iso, a educación en valores e a igualdade estarán moi presentes, xa que cada quenda do campamento xirará ao redor de tres mulleres relevantes para Betanzos, como son Olimpia Tourné, Sofía Feliu e Rosina Martínez Barral, co obxectivo de dar visibilidade ás súas achegas dentro da nosa contorna.

No campamento combinaranse diferentes actividades deportivas, artísticas, musicais, de baile, audiovisuais, etc. con ferramentas novidosas como a creación dunha televisión local na que a rapazada elaborará contidos semanalmente e  un blogue para as familias.

Ademais, distintas entidades visitarán ás nenas e aos nenos no campamento, tales como Ecoembes, Stop Accidentes, o grupo de Teatro Ruiseñor, ou a Asociación Cultural Salsanova, para falar da importancia de coidar o medioambiente, da seguridade viaria, ou introducir á rapazada nas disciplinas do teatro e da danza.

Durante os meses do campamento, a rapazada desfrutará de distintas saídas, tanto dentro da localidade, ao barco dos Caneiros, á finca vinícola A Peregrina, ao Museo das Mariñas,  á igrexa de San Francisco, ao Parque Pasatempo, etc. como fóra, visitando parques naturais, praias da comarca das Mariñas, e outros lugares de interese, destacando a explotación ecolóxica Orballo, dedicada ao cultivo do té e doutras herbas aromáticas.

 A pesar de incrementar as horas, o Concello mantén o prezo destes anos de 50 euros. Canto a quendas, a primeira irá do  24 de xuño ao  5 de xullo, a segunda do 8 ao 26 de xullo e a terceira do 29 de xullo ao 14 de agosto. En cada quenda ofertaranse ata 60 prazas. Haberá un cuarto campamento, en Nadal, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro.