O Concello de Betanzos convoca o XI Concurso de creación literaria cunha categoría especial para conmemorar o Ano Antolín Faraldo

634

O Concello de Betanzos convoca a undécima edición o Concurso de creación literaria cunha categoría especial para conmemorar o Ano Antolín Faraldo. O prazo de entrega dos textos estará aberto entre o 1 e o 29 de abril, coincidindo coa programación do Día Internacional do Libro e da Lectura.

Os obxectivos do XI Concurso de creación literaria son promover o emprego escrito da lingua galega e fomentar a creación literaria xuvenil. Os textos presentados poderán ser relatos curtos ou poesías e cada participante poderá presentar un só texto ao concurso. Tamén se establecen tres categorías nos premios, haberá un primeiro premio e un accésit na categoría do alumnado da ESO, outro na categoría de Bacharelato e ciclos formativos e un último na categoría aberta Ano Antolín Faraldo para calquera persoa maior de idade.

O Concello de Betanzos crea a categoría Ano Antolín Faraldo neste XI Concurso de creación literaria con motivo da celebración do bicentenario do nacemento deste betanceiro, e ao abeiro do acordo do pleno do 26 de outubro de 2022 que instaurou o ano 2022 como Ano Antolín Faraldo e, como tal, organiza unha programación cun programa de actividades culturais, de divulgación e lúdicas arredor da figura de Antolín Faraldo e crea esta nova categoría no XI Concurso de creación literaria.

Todos os textos deberán presentarse en lingua galega e o tema é libre nas dúas primeiras categorías (ESO e Bacharelato e ciclos formativos) e restrinxido na categoría especial aberta a calquera persoa maior de idade. O lugar de entrega serán as secretarías do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, do IES Francisco Aguiar e do IES As Mariñas, no Servizo de Normalización Lingüística ou na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

As persoas interesadas poden ver as bases completas en www.betanzos.gal, na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello de Betanzos e solicitar máis información do XI Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].

Descarga as bases aquí.