O Concello de Betanzos instalará paneis informativos para conmemorar o traballo das mulleres locais

771

Estarán dedicados ás lavandeiras, as panadeiras e as selleiras e augadoras

O Concello de Betanzos, nunha das accións promovidas para conmemorar o Día Internacional da Muller, instalará paneis informativos dedicados aos labores das mulleres locais, entre as que destacan as lavandeiras, as panadeiras e as selleiras e augadoras.

En Betanzos, durante a primeira década do século XX construíuse un edificio maxestoso: o lavadoiro das Cascas, á beira do río Mendo, promovido polos irmáns García Naveira. Aínda que o oficio desapareceu aproximadamente na década de 1970 coa profusión da lavadora, o edificio consérvase na actualidade. Alí instalarase un destes paneis, en lembranza do oficio no cal as mulleres lavaban a roupa nunha pedra lisa desde a ribeira dun río.

No ano 1830 estaban rexistradas no Subsidio de Comercio 131 panadeiras, que levaban a cocer o seu pan a diferentes fornos de Betanzos: 15 ao forno do Campo da Feira, 17 ao de Fonte de Unta, 19 ao de Concepción, 11 ao da Porta da Vila, 16 ao de Santa María, 17 ao da Ribeira, 18 ao de Porta do Hórreo e 18 ao da Ponte Vella. Este oficio consolidouse nos séculos XIX e XX, con decenas de mulleres que facían e vendían o pan nos fornos e tafonas da vila, mais tamén a pé de rúa en mercados e feiras.

Moitas mulleres durante os séculos XVIII e XIX e primeira metade do século XX dedicáronse en Betanzos a transportar auga nas “sellas”, que son recipientes feitos de diferentes materiais. Ás mulleres que realizaban esta tarefa coñécellas como “selleiras”. Xeralmente, as “sellas” apoiábanse sobre os ombreiros e a cabeza.

“Agora, o Concello de Betanzos lembrará o labor destas mulleres coa instalación destes paneis, nos que se destacarán as características principais destes labores, e acompañarase o texto con imaxes típicas da época”, explicou a alcaldesa, María Barral.