O Concello denuncia a falta de resposta de Portos de Galicia á cesión do edificio do Club de Piragüismo. Galería de imaxes.

559

O goberno local lamentou hoxe a “falta de resposta” de Portos de Galicia á petición de manter unha reunión para tratar a cesión do edificio do Club de Piragüismo. O concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, explicou que a última reunión coa entidade, en concreto co anterior presidente, produciuse en febreiro de 2019. Cando cambiou a presidencia, solicitouse, tendo en conta a importancia do tema, unha reunión coa nova presidenta do organismo, Susana Leguas Gil.

Tras varios meses no cargo, convocouse ao concelleiro de Deportes no mes de setembro, dun día para outro, “sen que naquel momento se puidese celebrar a reunión por motivos de axenda. Nese momento, solicitouse a Portos que buscase outra data. Pasados cinco meses desde entón, case seis, e un ano desde o último encontro co anterior presidente, a situación segue sendo a mesma e o deixamento por parte de Portos para abordar este tema é máis que evidente”, indica o edil.

Andrés Hermida indicou que o único que pretende o Concello é que “Portos diga se a formulación de cesión do edificio realizado no seu día polo goberno local e a súa solicitude de cesión ao Concello é posible para evitar que o Club de Piragüismo teña que seguir pagando 12 000 euros anuais ao ente autonómico”. Na reunión de hai un ano deseñouse unha folla de ruta que tiña como finalidade fixar “os pasos necesarios para que Portos de Galicia cedese a titularidade”. Un dos requisitos para iso era que, despois da reunión de hai un ano, o Club Náutico Ría de Betanzos tiña que aprobar en asemblea o cambio de titularidade, algo que fixo o ano pasado.

Despois desa aprobación, o Concello, de maneira oficial, solicitoulle que Portos de Galicia iniciase os trámites oportunos para ceder a titularidade do edificio a favor do Concello “e así poder asumir, canto antes, o gasto que na actualidade ten que afrontar o Club Náutico Ría de Betanzos, un club que é unha das entidades deportivas máis importantes do municipio”.

A día de hoxe e ante a falta de noticias, o edil volve dirixirse a Portos para analizar esta situación e poder expor e fixar unha colaboración entre as dúas administracións “coa finalidade de resolver esta situación”.