
A alcaldesa, María Barral, entregou os distintivos de “embaixador gastronómico da Tortilla de Betanzos” ao cociñeiro betanceiro Antonio Couceiro “Sanchón”, e, por primeira vez, o de “embaixador da Tortilla de Betanzos” ao xornalista galego Xabier Fortes. O primeiro, con case unha vintena de anos instalado en Madrid, é propietario de cinco establecementos na capital de España baixo o selo “Garelos”. Xabier Fortes é director e presentador do programa “La noche en 24 horas” de TVE.
A primeira edil valorou o recoñecemento que ten a marca “Tortilla de Betanzos”, un recoñecemento ao que “se chegou polo traballo durante estes últimos anos do Concello na promoción da tortilla e da hostalería betanceira que co seu traballo e esforzo posicionou o produto no máis alto. A tortilla de Betanzos converteuse nun reclamo turístico da nosa cidade; está presente en centos de establecementos hostaleiros de toda España e converteuse nun referente permanente nos medios de comunicación”.
Xunto a ese traballo a nivel local, houbo e hai tamén outros establecementos hostaleiros, de prestixio, que levan anos coa tortilla de Betanzos formando parte da súa carta, “o que sen dúbida, elevou aínda máis o prestixio dun produto humilde ata convertelo en extraordinario”.
A eles, o Concello quere agradecerlles precisamente ese labor, ese traballo por defenderen e promocionaren a tortilla de Betanzos ao longo de toda unha traxectoria profesional, distinguíndoos como embaixadores gastronómicos da tortilla. É o caso de Antonio Couceiro “Sanchón”: a súa traxectoria en Madrid, coa apertura de cinco establecementos onde a tortilla de Betanzos forma parte principal da súa carta desde sempre, e o nome da súa cidade natal, que está presente en cada recuncho dos seus restaurantes “faino máis que merecedor da distinción como embaixador gastronómico da tortilla de Betanzos”. Sanchón únese así ao grupo de restaurantes da Penela, que recibiu esta distinción en 2025.
María Barral explicou que ademais deses establecementos hostaleiros que serviron e serven para promocionar a tortilla, a popularidade alcanzada estes anos débese tamén a que moitos rostros recoñecidos non ocultan o seu “amor pola nosa tortilla alá onde se atopan, promocionando non só o noso produto senón tamén o nome de Betanzos”. Personalidades que destacan pola defensa e promoción da tortilla de Betanzos: “Xente coñecida que fala moitas veces da tortilla de Betanzos. Personalidades do mundo do deporte, a cultura, o xornalismo, a política, en definitiva, rostros coñecidos que axudan e colaboran nesa promoción de marca Tortilla de Betanzos e para quen tamén queremos ter un recoñecemento facéndoos embaixadores ou embaixadoras da mellor tortilla do mundo”.
Neste sentido, Barral indicou que un deses rostros recoñecidos que “ama a tortilla de Betanzos” é Xabier Fortes, director de “La noche en 24 horas”, e por iso “con el quixemos empezar estes agradecementos e recoñecementos nomeándoo embaixador da Tortilla de Betanzos”.
Xabier Fortes trasladou á alcaldesa durante o acto a “honra” que supón ser o primeiro embaixador da “mellor tortilla do mundo”, un prato que non falta nas súas visitas aos restaurantes galegos da capital de España, onde reside desde fai oito anos.
Barral explicou que se trata dunhas “distincións humildes”, pero coas que queremos recoñecer esa promoción fóra de Betanzos.











