Barral reúnese coa presidenta de Paradores para planearen e concretaren o proxecto de construción dun centro hoteleiro nun edificio singular do casco histórico.

629
María Barral, e a presidenta de Paradores, Raquel Sánchez.

Betanzos recupera a súa proposta de impulsar un parador no centro histórico. Trátase dun proxecto que xa foi exposto pola alcaldesa, María Barral, hai dous anos á presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, e que volveron tratar nunha reunión mantida na sede do ente estatal en Fitur. Se hai dous anos a proposta de Betanzos pasaba por tres posibles localizacións e o compromiso de avanzar en poder concretar “a actuación nunha delas”, pasado este tempo a alcaldesa expuxo a Paradores a posibilidade “real” de adquirir un dos edificios que “se expuxeron hai dous anos e que a día de hoxe está dispoñible para levar a cabo o proxecto”.

Os outros dous correspondían a edificacións do ámbito eclesiástico. Durante este tempo mantivéronse contactos coa Igrexa pero non “houbo avances, principalmente, porque non hai intención de vender”. Xunto á Igrexa tamén se mantiveron conversacións con propietarios e propietarias particulares, entre eles os dun inmoble histórico situado nas inmediacións da Igrexa de Santiago, na rúa da Torre e rúa Lanzós. O edificio, de algo máis de 1.400 metros cadrados,  está agora en proceso de venda e por iso a alcaldesa retomou o proxecto con Paradores para expor a actuación “nunha edificación concreta e que reúne as condicións que hai dous anos falamos coa presidenta de Paradores”.

Agora será o ente estatal quen estude a posibilidade de compra do inmoble que, segundo a propia presidenta de Paradores, “encaixaría coa formulación feita nas reunións mantidas con Betanzos”. O persoal técnico estudará a súa viabilidade e o seu encaixe na programación de actuacións de Paradores a curto ou medio prazo.

O obxectivo da primeira edil é dobre: por unha banda, contribuír á dinamización do centro histórico e, por outro, cubrir o déficit de oferta hostaleira que ten a cidade, onde “existe unha boa oferta en canto a calidade, pero non en cantidade”.

Para o goberno local poder contar con esta proposta hostaleira e, de forma especial, nunha “contorna única como o centro histórico”, sería un “paso máis no proxecto integral de revitalización desta parte da cidade no que durante estes anos se traballou en varias frontes e que, sen dúbida, non só beneficiará a esta zona de Betanzos senón que será un motor para o resto da cidade”.

A primeira edil expuxo á presidenta o interese do Concello en poder facer realidade o proxecto, “que sen dúbida non só sería bo para Betanzos senón para a comarca e A Coruña, que non conta con ningún Parador”. Engadiu que “Betanzos, por historia, por características de cidade, cumpre perfectamente coas esixencias para albergar este tipo de establecementos  e formar parte dunha rede que, sen dúbida, potenciaría un tipo turismo do que agora carecemos”.