Betanzos terá unha semana previa da Feira Medieval onde, dentro da programación do 800 aniversario do traslado da cidade desde Tiobre ao actual centro histórico, celebraranse diversas actividades para recuperar a memoria de María Balteira, “unha soldadeira” da época medieval, con vinculación con Betanzos e coñecida polas cantigas de escarnio, a través do ciclo “Betanzos na lítica medieval galego-portuguesa”.
O ciclo e organizado por diversas entidades como a Asociación Gastronómica Lar de Unta, Nova poesía Guitírica; Lanzós, Biblos, Asociación Ambroa ou o Concello de Irixoa e coa a colaboración do Concello de Betanzos.
O ciclo comezará o día 1 ás 20:00 h no Salón Azul do edificio Liceo coa presentación pública do proxecto “Maria Balteira” con distintas entidades, para continuar o día 2 á mesma hora cun recital poético “Todas somos María Balteira” coa participación de coñecidas mulleres poetas en homenaxe a María Balteira.
O mércores día 3 haberá un coloquio sobre “Betanzos na lirica medieval galego-portuguesa” na libraría Biblos cos filólogos betanceiros Concha Delgado e Moncho Pena.
O xoves, día 4, tamén na libraría Biblos, haberá outro coloquio sobre “O galego do século XIII ao século XXI. O futuro é agora” con Xulio Loureiro, subdirector do IES As Mariñas e Eduardo Maragoto, presidente dá Asociación Galega da Lingua.
Os actos seguirán o día 5 ás 20:00 horas con outra mesa redonda no Salón Azul do Liceo sobre “800 anos, 800 versos, 800 historias” por conta de Alfredo Erias, Manolo Portas, mestre e autor de Lourenço Xograr e Marica Campo, autora de Confusión e morte de María Balteira. Ese día concluirá cun concerto de música barroca na porta da igrexa de Santiago.
O sábado día 6 os actos serán na igrexa de Ambroa, en Irixoa, cun recital poético “Amigos de Pero” homenaxe a Pero de Ambroa e Pero Amigo de Sevilha, de orixes desta parroquia e vinculados tamén á vida de Balteira.
O ciclo concluirá o domingo no palco da música, a partir das 11:00 h, cunha andaina literaria ata Armea (lugar no que naceu Balteira) guiada pola mestra de galego do IES As Mariñas, Dores Cao, en homanaxe a Pero de Armea e María Pérez Balteira, orixinarios dese lugar no municipio de Coirós.
Durante a feira medieval tamén haberá diversas “sorpresas” en moitas das súas actividades vinculadas a Maria Balteira.
A alcaldesa, María Barral, que presentou o programa xunto a representantes de entidades, explicou que nos últimos días iniciáronse os traballos de decoración das rúas do centro histórico para a feira con teas, estandartes e bandeirolas. En total haberá máis de 300 bandeirolas e algo máis de 6 quilómetros de teas decorativas.
A feira, que terá lugar os días 12, 13 e 14, contará con 133 postos dos que 20 deles participarán por primeira vez na feira. Canto ás rúas, os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a porta da Vila, rúa do Castro, praza da Constitución; Santiago, Roldán; Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco, segundo indicou a alcaldesa.