O Concello decretou dous días de loito e bandeiras a medio mastro en sinal de loito polo falecemento de Jesús Núñez (1927)

82
Jesús Núñez (1927), fillo predilecto de Betanzos.

O Concello decretou o psado sábado 10 de outubro, dous días de loito e bandeiras a medio mastro en sinal de loito polo falecemento de Jesús Núñez (1927), fillo predilecto de Betanzos e destacado artista multidisciplinar, a nivel nacional e internacional, creador do Centro Internacional de Estampa Contemporánea, un espectacular centro-museo xerador de cultura, pioneiro en España e ao que cada ano acoden alumnos de todo o mundo.

Ademais de ser nomeado fillo predilecto, o Concello puxo o seu nome a unha das salas de exposicións do edificio Arquivo.

O Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC), iniciou a súa andaina cun congreso nacional de grao en 1983 e logo uns exitosos cursos de verán en 1985, pioneiros en España, que deron lugar ao centro e en 1997 á Fundación CIEC, destinada a promocionar e difundir as artes plásticas.

O CIEC, desde a súa sede en pleno centro histórico nun impresionante edificio de 1932 de González Villar que foi almacén e banco, oferta cursos e talleres e desde 2003 un máster en Obra Gráfica ao que acoden persoas estranxeiras na súa maioría e que acadou un prestixio extraordinario grazas a figura e traxectoria de Jesús Núñez.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, trasladoulle á familia as súas condolencias, e destacou o traballo, a dedicación e implicación de Jesús Núñez na sociedade betanceira “o seu legado vai quedar para sempre con nós”.