O Concello denunciará ante Fiscalía o acceso ao Pasatempo, sen permiso, de varias persoas o pasado domingo

492

O Concello denunciará ás persoas que esta pasada fin de semana accederon ao parque do Pasatempo a pesar de permanecer pechado ao público. Os feitos ocorreron o domingo pola tarde e a “visita” ás instalacións foi publicada nas redes sociais deste grupo de mozos.

Por mor desta situación, os servizos xurídicos do Concello emprenderán as correspondentes accións legais, achegando unha serie de imaxes, cunha denuncia en Fiscalía para que, primeiro, se identifique ás persoas que accederon ao recinto, sen autorización, presentando para iso as fotografías das súas redes sociais; e, en segundo lugar, por se os feitos son constitutivos de delito ao acceder a unha propiedade, sen autorización, declarada Ben de Interese Cultural.

O parque mantense pechado como consecuencia do desprendemento que se produciu no estanque do Retiro, unhas obras ara as que xa existe autorización por parte de Patrimonio e que serán financiadas pola Deputación Provincial e o Concello cun investimento superior aos 500 000 euros.

Non é a primeira vez que persoas sen autorización acceden ao parque, saltando ou forzando o peche e provocando actos vandálicos, ou ben accedendo ás instalacións sen autorización co perigo que iso supón. En casos anteriores, o Concello presentou a correspondente denuncia para reclamar contías económicas polos danos ocasionados á marxe doutros delitos por acceder a unha propiedade sen autorización.

O goberno local destacou a colaboración da Asociación de Amigos do Pasatempo tanto á hora de detectar este tipo de feitos no recinto como noutras accións nas que se mantén unha fluída relación “co obxectivo común de recuperar o parque”.