O Concello concluíu o prazo de presentación de ofertas para a concesión dos postos do Mercado Municipal. Finalmente son 5 as persoas que optarán aos postos, aínda que ata que finalice o proceso de licitación por parte do departamento de Contratación, non se coñecerá o número de postos que poderían ocuparse nesta fase. Sería un mínimo de 5, se ben cada unha das persoas solicitantes podería ter optado a máis dun posto.
En calquera caso, a alcaldesa, María Barral, expresou que unha vez adxudicados os postos desta fase, os que non se ocupen sairán a contratación, xa que houbo profesionais de Betanzos que por distintas circunstancias non se puideron presentar a esta licitación pero trasladaron o seu interese en poder optar a un posto. A idea do Concello é que “pouco a pouco se ocupe a totalidade dos postos do mercado” e para iso fará “un novo proceso unha vez adxudicados os da actual licitación”, segundo indicou a primeira edil.
Evidentemente, as persoas que están aínda interesadas e non se presentaron “terán que adaptar o seu proxecto ao que quede sen ocupar agora, non terán tantas opcións como tiveron as cinco que se presentaron”.
Tanto na convocatoria na que acaba de finalizar o prazo de presentación de ofertas, como no próximo proceso que se abra, as persoas interesadas poderán optar a cada un dos postos que queden libres, de forma individual, en lugar de ter que optar á xestión de todos os ofertados. No caso de que as cinco solicitudes presentadas optasen cada unha delas a un posto, quedarían outros sete libres.
A convocatoria que acaba de finalizar incluía 12 postos. 2 postos, de maiores dimensións que o resto, un no baixo e outro no segundo andar, contaban cun canon mínimo máis elevado, de 1.533 euros anuais; é dicir, cerca de 130 euros ao mes. Os postos destinados a peixería e froitería, de acordo coa ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizos no mercado municipal, tiñan un canon anual mínimo de 216,96 euros. O resto dos postos, un prezo mínimo de 766 euros anuais.
Entre os criterios para a adxudicación, as persoas aspirantes tiveron que presentar unha memoria técnica, na que tiñan que explicar o plan de xestión do negocio, unha proposta gastronómica e posibles melloras. O conxunto de concesionarios e concesionarias, segundo recollen as mesmas bases, deberán logo constituírse, no prazo máximo dun mes desde a adxudicación, nunha asociación para poder levar a cabo accións conxuntas como a limpeza do mercado ou a dinamización das instalacións en canto á oferta cultural e musical.
A futura asociación deberá manter unha web do Mercado Municipal e contratar unha empresa de envíos para dar servizo a domicilio. A estes servizos poderán adherirse comerciantes do casco histórico, participando nos costes de mantemento.












