O Concello e a empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga presentaron un novo sistema de tratamento de lodos na estación depuradora, situada na zona do Porto, que mellorará notablemente un proceso “chave no funcionamento das instalacións”. Trátase dun dos primeiros sistemas instalados en Galicia, que destaca pola mellora do proceso de tratamento e aforro enerxético da propia planta.
Así Viaqua incorpora na liña de tratamento de lodos da EDAR unha solución tecnolóxica máis moderna, robusta e de baixo consumo enerxético. Trátase dun parafuso deshidratador, que contribúe a unha xestión máis eficiente do tratamento de lodos, un dos elementos chave para o bo funcionamento da depuradora.
Esta actuación, que supuxo un investimento de ao redor de 60.000 euros, reforza a fiabilidade dun proceso crítico, moderniza a instalación e presenta menores costes de mantemento en comparación coa tecnoloxía que habitualmente se emprega neste tipo de tratamentos.
A alcaldesa, María Barral, quen xunto aos concelleiros de Medio Ambiente e Urbanismo, Andrés Hermida e Diego Fernández, visitou a planta acompañada por técnicos e responsables de Viaqua, destacou o compromiso conxunto do Concello e da concesionaria “para garantizar un servizo máis seguro, eficiente e sostible para a cidadanía”.
Indicou que se trata dunha mellora que ten que completarse nun futuro con “outras actuacións técnicas incluídas no Plan Director de Saneamento de Augas de Galicia, un plan cuxa elaboración xa está finalizada pero que está pendente da financiación por parte da Xunta”. A alcaldesa espera tamén que estes traballos se encontren “entre as actuacións que vai programar Augas de Galicia, despois de anos agardando inversións que, curiosamente, si impulsaron noutros concellos nos que fixeron o plan despois de Betanzos”.











