O Concello garante o programa de actividades extraescolares o próximo curso escolar no Vales Villamarín

1256

O colexio Vales Villamarín terá actividades extraescolares para o próximo curso escolar tal e como se comprometeu o Concello.

A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Educación, Andrés Hermida, mantiveron unha reunión con representantes da nova asociación Cultural e Deportiva creada por un grupo de pais e nais de alumnos e ex alumnos que se encargará de xestionar as actividades extraescolares do colexio Vales Villamarín.

Para a súa organización, o Concello achegará os 11.000 euros cos que colaboraba no desenvolvemento das actividades. A través desta asociación ofertaranse aos alumnos as mesmas actividades extraescolares que se organizaban engadindo algunhas novas como, por exemplo, un taller de linguaxe de signos que propuxera a comunidade educativa.

Andrés Hermida explicou que, como xa había traslado antes de que acabase o curso á comunidade educativa, o Concello garantía que o próximo ano escolar “habería actividades e que se estaba traballando en varias alternativas para organizalas.

O que tiñamos claro é que os alumnos e alumnas do Vales Villamarín non se ían a quedar sen actividades extraescolares”. Andrés Hermida lembrou que os informes xurídicos facían inviable que o Concello directamente asumise a xestión deste programa.

O secretario municipal advertía no seu informe que “de acordo coa normativa actual vixente o novo servizo de xestión e organización de actividades extraescolares do Vales Villamarín non tería encaixe legal nas competencias e servizos municipais, polo que se denegaba a solicitude formulada no seu momento pola asociación de nais e pais do centro.

Ademais das actividades extraescolares, o concelleiro explicou que desde o Concello farase fincapé, de novo, ante a Xunta para que se cubran diversas necesidades do colexio en materia de equipamentos e melloras das instalacións “continuando os traballos executados”.

O edil explicou que durante o pasado curso escolar a Consellería de Educación, cumprindo o compromiso adquirido en anos pasados, realizou unha reforma integral dun dos dous bloques do CEIP Francisco Vales Villamarín, reforma consistente na adecuación de fachada, cambios de xanelas, pintado dos interiores e mellora da iluminación. Con todo, o segundo bloque do Centro segue sendo unha construción dos anos 70 que, como o anterior bloque, tamén necesita unha mellora integral. Este segundo edificio, atópase nun estado moi similar ao que se atopaba o primeiro bloque e necesita melloras no exterior, co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia, a iluminación e o pintado interior. Outra das problemáticas que presenta este edificio é a falta de espazo para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar. Por iso, propúxose cubrir unha das partes destinadas a aparcamento, anexas ao actual comedor.