O Concello leva ao xulgado á concesionaria do hotel San Roque para pedir o desafiuzamento por incumprimentos de contrato e impagamentos

484
Hotel San Roque situado no antigo asilo Manuel Naveira

O Concello levará ao xulgado a entidade Complexo San Roque para pedir o desafiuzamento por incumprir o contrato e por impagamentos no alugueiro das instalacións do antigo asilo Manuel Naveira correspondentes aos anos 2018, 2019, 2020 e 2021, uns 2400 euros, e o IVE do importe ingresado en concepto de renda dos anos 2016 e 2017, outros 252,42 euros en total.

Na mesma proposta, que será elevada ao Pleno o próximo día 29, proporase iniciar as accións xudiciais de reclamación do importe das rendas debidas e non pagadas, de resolución do contrato de aluguer por impagamento de rendas, e por incumprimento do contrato de alugueiro, así como todas as que se deriven do mesmo negocio xurídico, contra a entidade Complejo San Roque S.L., derivadas do alugueiro do Asilo Manuel Naveira, diante dos xulgados de Primeira Instancia de Betanzos. Os incumprimentos tamén atinxen as fianzas obrigatorias, e póliza de seguro de responsabilidade civil fronte a terceiras persoas que se esixía contractualmente. Tamén advirte o Concello que  pode existir subarrendo ou cesión do local sen a notificación a este Concello  que é o arrendador.

O Concello basea a súa acusación en que tratándose dunha finca urbana, son de aplicación os arts. 27 nos seus parágrafos 1, 2 apartados a) e b) e 32, todos eles da Lei de arrendamentos urbanos, que faculta ao arrendador a resolver o contrato de arrendamento, entre outros casos, cando o arrendatario incumpra a súa obriga de satisfacer a renda pactada, e aqueloutras obrigas pactadas contractualmente, neste caso a cesión dos dereitos de arrendamento sen notificación ao arrendador, (segundo se estipula na cláusula quinta do contrato de arrendamento), e non prestar a fianza esixida e non formalizar a póliza de seguros a que viña obrigada (cláusula doceava do contrato en relación co art. 31 do prego de condicións administrativas e técnicas).

Non é a primeira vez que o Concello reclama o pagamento de alugueiro a esta entidade, xa que tivo que recorrer tamén a emprender accións xudiciais. No 2015 e no 2018  o Concello xa pediu o desaloxo do hotel  por impagamentos da concesionaria. Naquel momento, tras a demanda e  antes da celebración do xuízo a empresa pagou as cantidades que requiría o Concello.