O Concello paralizou as obras nun tramo da rúa Santa María tras localizar unha gruta subterránea á espera da decisión final que adopte Patrimonio con relación ao achado

193
A alcaldesa, María Barral e o concelleiro de infraestruturas Diego Fernández, desprazaronse á zona de Santa María para coñecer de primeira man a situación

O Concello paralizou as obras de mellora nun tramo da rúa Santa María, anexo á igrexa, despois de localizar, durante os traballos de instalación da rede de saneamento, a entrada ao que parece unha das grutas ou pasadizos subterráneos do centro histórico, dos que apenas se ten coñecemento canto a localizacións exactas, características, lonxitude ou estado. Con motivo desta aparición, o persoal técnico do Concello paralizou os traballos nese tramo e alertou da situación aos servizos arqueolóxicos municipais para emitir o correspondente informe e trasladar a información a Patrimonio. O persoal técnico deste departamento autonómico desprazaouse a Betanzos para manter unha reunión con representantes municipais para analizar a situación, a entrada localizada e definir as actuacións necesarias.

Ata ese momento, o Concello paralizará as obras nese punto á espera de coñecer a valoración de Patrimonio. A alcaldesa, María Barral, desprazouse á zona de San María para coñecer de primeira man a situación. Indicou que, despois da primeira inspección realizada polos arqueólogos, se podería tratar dun pasadizo que pode ter unha importante lonxitude, próximo á igrexa de San María, que formase parte do que no seu día foron as minas de azougue (mercurio) porque existían textos sobre o ano 1785 sobre a súa explotación na cidade.

En calquera caso, será agora Patrimonio quen, á vista dos informes municipais e a supervisión da rúa, lle traslade ao Concello que tipo de actuación pode facer e que afectación terá sobre o proxecto que se estaba executando.

As obras que se desenvolven en Santa María enmárcanse na política de rehabilitación de vías e espazos públicos situados en zonas significativas dentro do centro histórico. Neste caso prevese a pavimentación e a mellora de servizos.

A finalidade de todas estas actuacións é reforzar os valores arquitectónicos e espaciais da zona e contribuír así á revalorización patrimonial, social e turística desta parte da cidade. A rúa está situada nunha zona dun grandísimo valor cultural, artístico e patrimonial dentro do Centro histórico da cidade, concretamente está situada na contorna do conxunto monumental formado polas Igrexas de Santa María do Azougue e San Francisco, ambas as dúas pertencentes ao gótico tardío, fundadas no século XIII, construídas no século XIV

Dadas as características da rúa no que se refire ao seu trazado e dimensións expúxose unha pavimentación con laxas de cantaría, sen desniveis, e seguiuse a pavimentación realizada noutras rúas próximas. As obras contemplan a substitución dos servizos de abastecemento, recollida de residuais e recollida de pluviais coa finalidade de renovar unhas canalizacións obsoletas e liquidar os problemas existentes nestas redes, a mellora da deficiente iluminación pública, a futura eliminación dos cruzamentos aéreos de electricidade e telefonía e a substitución do actual pavimento de chapacuña e pedra por un pavimento de laxas de granito en toda a rúa.