O Concello presenta o cartel da feira medieval que inclúe actividades representativas en varios puntos do centro histórico con acceso limitado

381
Feira franca medieval na súa edición no 2019 SABADO 13 de xullo

O  Concello presentou o pasado venres 2 de xullo o cartel da Feira Franca Medieval, un cartel especial, elaborado polo ilustrador Luís Galán, por tratarse dunha “edición que queremos celebrar pero que, evidentemente, polas circunstancias da  Covid, non se axustará, como xa anunciaramos, á programación tradicional”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

 

As condicións da  Covid non son as propicias para organizar un evento tal cal se coñece, con casetas nas rúas do centro histórico e a presenza de miles de persoas. Aínda que se creasen corredores de ida e volta, as características e superficie das rúas da zona antiga fan que sexa materialmente imposible manter a distancia social e evitar aglomeracións, segundo a primeira edil.

Por esta razón, o  Concello considerou que “por responsabilidade e mentres non cambien as circunstancias a mellor decisión  “foi suspender por segundo ano consecutivo a feira do mesmo xeito que, desafortunadamente, suspendéronse outros eventos non só en Galicia senón noutras comunidades nos que, como en Betanzos, poderíanse congregar nun espazo moi limitado miles de persoas”.

Con todo, “haberá unha alternativa coincidindo co mesmo fin de semana, é dicir, os días 10 e 11 de xullo, celebrando pequenos eventos a modo de representacións, música ou malabares, actividades relacionadas coa feira medieval pero espazadas no tempo e en zonas nas que se pode manter a distancia social e  ejecer un control sobre aforos”.

Así, haberá espectáculos reducidos de maxia, malabares, pasacalles, música, teatro… escenas recoñecidas da feira medieval, para que os betanceiros “revivan eses días a feira pero de forma diferente, con medidas de seguridade pola  covid, algunhas das cales serán difundidas en directo a través das redes sociais do  Concello”.

O sábado, as actividades comezarán ás 12.00 horas cun espectáculo de malabares a cargo de  Kote Malabar no atrio de Santa María, para continuar co Mago González na praza da  Constitución a partir das 13.00 horas. A mañá concluirá cun pasacalles de  Acibreira polo centro histórico. Pola tarde, dúas citas, unha de folclore, co grupo  Azougue e un concerto de  Acibreira, de música medieval, ás 19.00 e ás 21.30 horas respectivamente, na praza da Constitución.

Para o domingo, haberá outro espectáculo de maxia ás 12.00 horas en Santa María a cargo do Mago González; malabares ás 13.00 horas; un pasacalles con Os  Brincadeiros, ás 13.15 horas; e pola tarde, teatro, desde as 21.00 horas coa  Recua na praza da Constitución.

O público deberá de permanecer sentado en todos os espectáculos e con máscara, con acceso ás zonas de maneira restritiva ata completar aforos.