O Concello reforza a seguridade de viais municipais en diferentes parroquias á vez que licita novas pavimentacións

518

O Concello executa diversos proxectos de mellora de viais municipais situados, especialmente, na zona rural. Trátase de actuacións de pavimentación e sinalización horizontal e vertical.

Os camiños incluídos no proxecto están situados nas parroquias de Requián e San Esteban de Piadela, formando parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Xan Rozo, Guiliade e Piadela.

Trátase de camiños moi utilizados polos residentes destas zonas, permitindo nuns casos o acceso directo aos núcleos de Guiliade e Piadela desde a AC-542 e noutros a comunicación entre os distintos lugares do propio núcleo (Xan Rozo e Guiliade).

Entre os viais que se inclúen nesta execución está o camiño de Xan Rozo, de 797 metros de lonxitude que non contaba con ningún tipo de sinalización; o de Xan Rozo a Casa Grande, cunha lonxitude de 493 metros, no que tamén se mellorará a sinalización; o camiño de Piadela que conecta coa AC-542, a estrada Betanzos-Mesón do Vento, ao longo de 840 metros de lonxitude; e varios camiños en Guiliade que conectan con varios núcleos de poboación ao longo de máis de 1,5 quilómetros.

Nestes viais, ademais da pavimentación, realizáronse desbroces de taludes e mellorouse a rede de servizos, ademais da sinalización. En total o investimento alcanzou os 135.000 euros.

Por outra banda, nos próximos días adxudicaranse outros proxectos de mellora viaria en O Tarreo, ao longo dun tramo de máis de 600 metros; e en Guiliade-A Rúa, onde se pavimentarán outros 200 metros. Nestas actuacións investiranse preto de 40.000 euros.