O Concello presenta o orzamento para 2026 con reforzo nas políticas sociais, culturais, educativas e de servizos públicos

420

O Concello presentou o proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2026, que serán levados a pleno o vindeiro 5 de febreiro, cunha contía total de 13.930.579,24 euros, o que supón un incremento de 2.969.487,46 euros respecto ao ano anterior, é dicir, un 27,09 % máis.

A alcaldesa, María Barral, destacou que se trata duns orzamentos que permiten recuperar capacidade inversora e que consolidan un modelo de xestión centrado nas persoas, na protección social,  na educación, e que aposta pola igualdade e impulsa investimentos  tanto no rural como na zona urbana.

Indicou que o proxecto “reforza os servizos públicos e a colaboración co tecido social, cultural e económico do concello, un orzamento equilibrado, solvente e responsable, que cumpre coas normativas de estabilidade, con máis servizos públicos, máis igualdade, máis investimento e máis futuro para a veciñanza”.

Un dos eixes principais do orzamento é o reforzo das políticas sociais para as que destina 2,6 millóns de euros. Mantén e reforza o Servizo de Axuda no Fogar, para o que reserva 1,3 millóns de euros; amplía partidas para transporte municipal e continúa con programas de atención no ámbito das drogodependencias, ademais de incluír o gasto social extraordinario a través do Plan POS+ Adicional. Para a primeira edil  a protección social “non é un gasto, senón un investimento en dignidade, cohesión social e xustiza”.

Por primeira vez, o orzamento incorpora partidas específicas para avanzar cara á creación dun Centro de Información á Muller (CIM). Destinaranse 151.261 euros para este servizo municipal no edificio de Servizos Sociais.

Os gastos de persoal ascenden a 6.202.232,99 euros, e os de bens correntes e servizos superan os 5,2 millóns de euros, cun incremento do 18,17%, o que permitirá reforzar a limpeza, o mantemento, a atención social, a cultura, o deporte e os servizos esenciais para a veciñanza.

Inclúe a aposta dedicida pola educación pública, con 1,3 millóns de euros para o mantemento do CEIP Vales Villamarín; para a Escola Infantil Municipal e para a xestión directa do servizo de comedor e madrugadores  do Vales Villamarín por parte do Concello, o que reforza e garantiza o control público e de calidade do servizo.

Manten tamén a aposta, a pesar do escaso apoio da Xunta, por reforzar a educación cultural a través do Conservatorio municipal.

Nesta área cultural, mantense unha firme aposta pola programación en todos os ámbitos e pola dinamización lingüística, co apoio á creación, a identidade cultural e a normalización da lingua galega.

O Concello reforza tamén as políticas de apoio aos autónomos, autónomas e pequenas empresas, mediante o impulso de iniciativas de dinamización e promoción do comercio local, considerado polo goberno municipal como un piar fundamental para a economía e a vida urbana de Betanzos.

O capítulo de investimentos reais ascende a 1.312.299,09 euros, cun incremento moi significativo respecto ao exercicio anterior. Entre as actuacións, que se levarán a cabo tanto na zona urbana como na zona rural, destaca a reforma e recuperación do parque infantil do Pasatempo, en colaboración coa Deputación, cun investimento de 300.000 euros. Tamén destacan outras  actuacións de eficiencia enerxética no alumeado público e no Polideportivo Municipal; así como a renovación e pintado de pavimentos viarios nas rúas das Mariñas, Manuel María e Irmandades da Fala e na zona de Infesta, alén da humanización e posta en valor do barrio da Condesa,  e melloras de pavimentación na Condomiña.

O orzamento recolle tamén transferencias e subvencións para entidades sociais, culturais e económicas, que reforzan a colaboración con entidades que contribúen á dinamización social e cultural do concello. Hai recollidas axudas directas a ACEBE, Asociación Concilia para apoio educativo e actividades extraescolares e a Fundación CIEC, sen esquecer as axudas de emerxencia social e as subvencións concedidas en réxime de concorrencia competitiva. Tamén hai unha achega para a Fundación Globo de San Roque  para conservar, custiodar e divulgar a tradición do Globo.

Ao inicio deste exercicio a débeda sitúase en 4,7 millóns de euros dos que algo máis de un millón corresponde ao pagamento de provedores a través do mecanismo do Ministerio de Facenda; 1,5 a un préstamo que solicitou o Concello para levar a cabo investimentos en exercicios anteriores, principalmente achegas municipais a programas europeos. Tamén se inclúen outros 2 millóns de euros de actuacións que se financiaron con préstamos doutras administracións, como a renovación de alumeado ou o convento de Donas nas dúas fases de execución. Ao finalizar  este ano a débeda será de 3,3 millóns de euros e quedará saldado o mecanismo de pago a provedores. Esta débeda do 26,86 % estaría moi por debaixo do 110 %, o  límite previsto  na Lei Reguladora das Facendas Locais.