O Concello reactiva a recuperación do Pasatempo tras publicarse o decreto de declaración BIC no BOE

884

A crise sanitaria paralizou durante este últimos tres meses as reunións de traballo e planificación das actuacións entre administracións

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o Decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural o parque do Pasatempo, e continúa así os trámites iniciados no seu momento polo propio Concello ante Patrimonio reflectido no Decreto de 6 de febreiro da Xunta, publicado no Diario Oficial de Galicia.

A publicación no BOE viuse alterada, canto aos prazos, pola Covid-19. No entanto, para a alcaldesa, María Barral, trátase dun paso máis, moi importante e necesario para “poder desenvolver a recuperación deste espazo. Unha figura, a súa declaración BIC, que permitirá optar a fondos económicos aos que até agora non se podían chegar”.

A alcaldesa recoñeceu que este tres últimos meses “non avanzamos o que nos gustaría nos aspectos relacionados co Pasatempo, despois da declaración como BIC de Patrimonio da Xunta a principios de febreiro. A crise do Coronavirus atrasou o proceso e as reunións que tiñamos previstas con outras administracións. A publicación de hoxe no BOE fará que se volvan a retomar as reunións de traballo e que “avancemos na planificación, aínda que, non como estaba previsto, xa que a nosa intención era que esta programación quedase fixada con bastante anterioridade ás eleccións autonómicas”.

De todos os xeitos, a primeira edil indicou que por parte do Concello “retomaremos as reunións de traballo coa Xunta para avanzar nestes aspectos, xa que temos que recuperar o tempo perdido canto antes”. Mantén que agora toca “encargar, tal e como anunciou o goberno galego, un proxecto técnico integral, para o que temos moitos aspectos avanzados, e logo planificar as actuacións, que nós queremos executar por fases a tenor do que nos explicaron en varias ocasións o persoal técnico”.

Precisamente, unha destas fases que “por necesidade e urxencia” ten  que ser a primeira, é a de recuperación do “Estanque do Retiro”. Trátase dun proxecto, encargado polo Concello,  para o que xa se conta co informe favorable de Patrimonio. O seu financiamento formará parte das actuacións que se financien nun convenio entre a Deputación e o Concello, para o que hai dispoñibles 750 000 euros.

Con todo, a crise sanitaria tamén atrasou os trámites para que se puidese aprobar no Pleno da corporación provincial o mencionado convenio e, por tanto, “tampouco se puideron sacar a contratación os traballos. Sabemos que a Deputación tamén retomou o tema e agora agardamos que canto antes leve a Pleno o convenio. A mellora do Pasatempo é un compromiso do propio presidente provincial que desde o primeiro instante mostrou o seu compromiso para achegar fondos e iniciar a recuperación do parque en colaboración con outras administracións”.