Betanzos aprobará o mércores as axudas a autónomos/as e microempresas para convocar apenas uns días despois, este mesmo mes, o prazo de solicitude

287

O goberno local levará ao Pleno o vindeiro mércores un paquete de actuacións de axuda como consecuencia da Covid-19 que incluirán modificación de impostos municipais, e axudas directas  a autónomos/as e microempresas  que se viron afectados/as polo peche dos seus negocios ou que viron drasticamente reducidos os seus ingresos por causa do esta de alarma provocado polo Coronavirus para o que será necesario tamén aprobar unha modificación das partidas orzamentarias municipais.

Ese tres puntos suporán o groso do paquete de axudas que establecerá o goberno local a microempresas e autónomos/as afectados/as polo Coronavirus e que se unen ás sociais nas que “modificamos diversos programas para atender ás familias que peor o están pasando, fortalecendo as actuacións de emerxencia social e programa de reforzo de alimentos; a revisión dos impostos municipais para axudar ás familias máis vulnerables”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

A primeira edil explicou que tras a aprobación plenaria, o  Concello realizará unha convocatoria pública de axudas, en réxime de concesión directa, para, de maneira inmediata, colaborar coas persoas autónomas e microempresas na súa loita contra o inevitable dano causado pola pandemia e “axudalos, na medida do posible, para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade, e evitar o peche dos seus negocios e a consecuente destrución de empregos”. Esta axuda municipal será compatible coas que poidan recibir doutras administracións públicas. Tras o Pleno, o acordo terá que ser publicado no BOP e será, ao día seguinte da súa publicación, cando se poidan solicitar as axudas que poderán chegar até os 700 euros. Por tanto, o prazo de solicitude de axudas abrirase a principios da penúltima semana deste mes de xuño.

Para esta primeira fase de axudas directas, provenientes de modificacións orzamentarias municipais, xa que nestes momentos non é posible xeralo, por Lei, dos remanentes, ascende a un importe total de 150 000 euros, unha cantidade que poderá verse ampliada  no caso de esgotar todo o crédito destinado á mesma quedando solicitudes sen atender.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as microempresas que reúnan os seguintes requisitos: que teñan o domicilio fiscal da actividade no municipio de Betanzos e radique no mesmo o centro de traballo afectado, que a actividade que desenvolven se vise afectada polo peche de establecementos, polo estado de alarma ou que a actividade desenvolvida polo/a autónomo/a sufrise unha redución da súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50%, con relación á media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.

Concederase unha cantidade máxima de 500 euros para os/as autónomos/as ou microempresas cando a actividade que desenvolvan se vise afectada polo peche de establecementos e unha de 300 euros a aqueles/as autónomos/as ou microempresas que  sufriron unha redución da súa facturación.

Estas cantidades 500 euros e 300 euros incrementaranse nun máximo de 100 euros en caso de ter ata 4 traballadores/as (inclusive, ademais do/a solicitante) e nun máximo de 200 euros en caso de ter ata 9 traballadores/as (inclusive, ademais do/a solicitante) a data 1 de marzo de 2020.

O goberno local tamén modificará distintos impostos e taxas municipais. Algúns destes cambios teñen que ir a Pleno, polo que este punto será tamén tratado na sesión do próximo mércores. Esta modificación de impostos municipais recolle todos aqueles nos que legalmente o Concello pode realizar cambios e que se sumarán ás axudas directas que recibirán tanto os/as autónomos/as e pequenas empresas.

Da relación de tributos municipais, algúns deles, regulados polo Texto refundido da Lei de facendas locais, o Concello non pode regular exencións ou a condonación destes, e pode só aplicar, como vai facer, adiamentos ou fraccionamentos. Neste capítulo están o IBI, o de Actividades Económicas (IAE), o de tracción mecánica, o imposto sobre Construción, Instalación e Obras; e o Imposto de Aumento de Valor de Solo Urbano.

O Concello, no entanto, establecerá a bonificación total durante o que queda de ano ás persoas emprendedoras e autónomas que queiran iniciar unha actividade, como se recolle na taxa por servizos urbanísticos por outorgamento de licenzas de apertura de establecementos. Neste mesmo sentido, tamén se bonificará totalmente a ordenanza fiscal reguladora da taxa por outorgamento de licenzas urbanísticas a persoas emprendedoras e autónomas que queiran iniciar unha actividade ou mellorar as súas instalacións.

No ámbito social, esta ordenanza tamén bonificará obras de imperiosa necesidade para habitabilidade e que a unidade familiar estea en situación de risco.

Tamén se bonificarán na súa totalidade a taxa de terrazas durante todo o ano 2020 de forma retroactiva para paliar o impacto económico provocado polo peche dos negocios.

Tampouco se cobrarán as feiras que non se realizaron, e descontarase no importe do recibo anual.

Outra das ordenanzas que se modificarán será a de entrada de vehículos desde a vía pública a edificios, locais e soares, cunha bonificación total para o que queda de ano para paliar o impacto económico, establecendo para iso un criterio económico de risco con base a unha redución de ingresos, a un estado de vulnerabilidade, entre outros puntos a ter en conta.

Na auga e saneamento, o Concello xa expuxo á empresa concesionaria do servizo facer fronte a abono do recibo dos/as autónomos/as e pequenas empresas que cesaron a súa actividade como consecuencia do estado de alarma. En concreto, do recibo bimestral que coincide cos meses do estado de alarma.

No aspecto social, o goberno local quere ir máis aló das bonificacións que xa tiña establecidas. Así, no servizo de saneamento,  gozarán de exención da tarifa de mínimos aquelas familias, que polas súas circunstancias persoais estean a ser atendidas por Servizos Sociais. Estarán exentas desta taxa todas as persoas incluídas no Padrón de Servizos Sociais deste Concello.

No caso da subministración de auga, a Xunta de Goberno Local, logo do informe dos Servizos Sociais poderá bonificar a contía do consumo mínimo das familias que así se determinen. E establecerá unha bonificación do 100 % da cota de servizo e dos primeiros 18 m3/bimestre de consumo a aquelas familias que polas súas circunstancias económicas a renda per cápita sexa igual ou inferior ao 50 % do salario mínimo interprofesional

A día de hoxe o Concello xa alcanzou un acordo coa concesionaria para pór en marcha unha serie de facilidades de pagamento nos recibos que consistirán en:

  • Ampliación do período voluntario de pagamento de facturas a 90 días.
  • Aquela clientela con domiciliación bancaria: no caso de dificultades económicas todo/a usuario/a poderá contactar con Viaqua desde xa mesmo, para solicitar un Plan de pagamento flexible ou adiamento do seu recibo trimestral.
  • Financiamento ou adiamento de facturas, sen xuros, a todos os colectivos que ante esta situación excepcional presenten dificultades no pagamento dos seus recibos trimestrais.

O Concello tamén anunciou que condonará as cotas das vivendas de aluguer municipal dos/as inquilinos/as afectados/as por un ERTE ou que visen reducidos os seus ingresos durante o estado de alarma.

O goberno local tampouco cobrará a prestación do servizo de axuda no fogar a quen renunciase a este durante o estado de alarma, algo que tamén sucederá co Conservatorio Elemental de Música Carlos López García-Picos, o comedor escolar e o servizo de madrugadores/as do colexio Vales Villamarín, o servizo de comedor da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente García, a Escola Municipal de Folclore ou os servizos nas instalacións deportivas municipais. Nestes casos ou non se cobrarán ou devolverase a cota polos servizos que non se prestaron. Estas últimas modificacións non terán que aprobarse en Pleno xa que xa “foron tomadas por unha Resolución da Alcaldía”.