O goberno local anunciou a apertura da zona de estacionamento de autocaravanas para atender os desprazamentos que pode haber na provincia e, a partir do próximo luns, na fase 3, a mobilidade entre provincias.
A decisión foi tomada despois de que xa se habilitasen uns protocolos para o funcionamento deste tipo de áreas e unha vez que algúns dos cámpings da provincia recuperaron a súa actividade. Para a apertura deste espazo levaron a cabo diversos traballos de desinfección. A zona conta cunha superficie de 4998 m2, dos cales 1226,50 m2 destínanse á área de servizo para autocaravanas. Conta cunha zona de estacionamento-pernocta das autocaravanas por un tempo limitado con capacidade para 12 vehículos, unha zona de agarda xunto á plataforma e unha zona específica de localización de servizos ou plataforma (auga, saneamento) que a fai un referente neste tipo de servizos.
O goberno local explicou, ademais, que está á espera de novas normativas en relación á fase 3 para abrir de novo os parques infantís e as instalacións deportivas descubertas municipais. Estes equipamentos continúan pechados como consecuencia da Covid-19 á espera de coñecer os “protocolos ou autorizacións para poder abrir estes espazos públicos”.
Nesta mesma situación está a área canina situada na zona da estación, que tamén se abrirá tan pronto se definan os protocolos.
Servizos Sociais
A nivel departamentos municipais, o Concello irá abrindo de forma paulatina todos os departamentos ao longo deste mes de xuño. Tras abrir a biblioteca municipal, o arquivo e o Museo, o último en incorporarse foi o de Servizos Sociais, coincidindo, ademais, que apertura dos prazos legais de varias prestacións municipais que dependen desta área.
Este departamento, pola situación xerada pola Covid-19 e a afectación social que está a ter, ampliou os horarios de atención ao público “para cubrir a demanda que está a xerar esta crise e atender as consultas que quedaran pendentes”.
O Concello estableceu un protocolo de funcionamento do servizo atendendo as distintas fases de desescalada e volver conseguir a normalización da actividade, garantindo unha correcta atención á cidadanía con total seguridade e protección tanto para o persoal como para as persoas atendidas.
A atención ao público realízase en horario de mañá e tarde, polo que durante o mes de xuño o persoal traballará por quendas. Esta organización permitirá reducir os tempos de espera das persoas para ser atendidas e cumprir coas limitacións na capacidade. As citas pódense solicitar vía telefónica ou a través do enderezo electrónico habilitado para tal fin.