O Concello recuperou a feira do día 1 cun dispositivo especial e unha reorganización para aplicar as medidas de seguridade pola Covid-19

628

O  Concello retomou a actividade das feiras mensuais mantendo o dispositivo de seguridade e as medidas de seguridade decretadas pola  Covid 19. É dicir, reorganización dos postos na propia Praza García Irmáns para incrementar a distancia de seguridade, ademais de aplicar as normativas agora vixentes do uso de máscara obrigatoria e desinfección con  hidrogeles.

 

Tras a reunión mantida hai unhas semanas cos vendedores, a Concellería de Feiras remitiu un escrito aos responsables de cada posto explicándolles as medidas adoptadas e un mapa coa localización do posto, de forma que “cada un saiba onde ten que instalarse cando chegue á praza”.

Se a pesar de todo iso, algúns vendedores non quixeron instalar os postos ou non desexaron estar na feira “porque se lles move uns metros da localización que tiñan antes, pois o lamentaremos, pero para o Concello, nestes momentos, o prioritario é garantir a seguridade e axustarse aos protocolos establecidos”.

Estableceronse corredores de paso o suficientemente anchos, de máis de seis metros, para manter as medidas de seguridade e tentar establecer unha orde e indicar o sentido da marcha á hora de percorrer os postos. Haberá catro entradas e outras tantas saídas.

Na zona de  Valdoncel, na avenida de Castela, na Alameda, e rúa Rollo. Houbo un dispositivo especial de seguridade con Policía Local, Protección Civil, e efectivos de seguridade privada.

Entre os postos tamén houbo un plástico  separador e só dous vendedores, como máximo, en cada un deles. Os únicos postos que non estarán na feira serán os de venda de produtos de segunda man.

Para a reordenación da feira, o goberno local ampliou a zona de superficie da feira para non reducir o número de postos. Así, decidiu situar postos na zona da  rúa de Castro, na entrada cara ao centro histórico;  e na avenida de Castela ata o cruzamento coa rúa Emilio Romay. O resto estará na praza García Irmáns.

A edil de Feiras, Mónica Carneiro,  insistiu en que se fixo un seguimento especial aos postos de venda “non permitindo que se instale ningún que non teña todas as autorizacións vixentes”.