O Concello reforza o programa de alimentos cunha nova partida de produtos de stock tras a ampliación do estado de alarma

844

O Concello adquirirá unha nova partida de produtos de alimentación non perecedoiros e de hixiene para completar o stock que ten nestes momentos dentro do programa de alimentos que desenvolve con Cruz Vermella. Así o anunciou hoxe a alcaldesa, María Barral, logo de manter unha reunión de traballo con Servizos Sociais e Cruz Vermella para analizar a actual situación xerada pola Covid-19 e as medidas ou accións de carácter social  postas en marcha desde que se iniciou o estado de alarma.

Aínda que o stock é suficiente para atender ás persoas usuarias que están nos programas de Cruz Vermella e Concello, o certo é que a situación xerada pola Covid-19 fai que cada día aparezan novas situacións persoais que, entendemos, son puntuais, “mais ás que temos que dar resposta, de aí a nosa intención de incrementar o stock”. Ademais, xeraranse bonos para produtos perecedoiros, precisamente, para esas novas situacións que se poidan xerar durante esta crise e que haxa que actuar con especial urxencia.

Neste sentido, faise un chamamento por parte do Concello para que a veciñanza que detecten algún caso no que “algunha persoa necesite axuda ou colaboración ante a  situación extraordinaria que se está vivindo póñase en contacto cos Servizos Sociais chamando ao 981 770 707 a calquera hora do día ou ben ao teléfono de atención 981 774 742.

A primeira edil indicou que, con todo, “estas cubertas as necesidades”, segundo lle explicou o persoal técnico municipal de Servizos Sociais e Cruz Vermella, que reforzou tamén outros programas de colaboración durante este estado de alarma.

Así, está a reforzarse  o servizo de teleasistencia por se hai circunstancias especiais dalgunha persoa que o poida necesitar e os servizos de acompañamento de persoas que vivan soas e poidan necesitalo para desprazarse ao centro de saúde a recibir tratamentos como o sintrón.

Tamén a través de Protección Civil está a prestarse colaboración ao PAC do centro de saúde para repartir os medicamentos.