Campaña de recomendacións psicolóxicas

701

O Concello presentou, dentro das accións de concienciación #quedanacasa, como consecuencia do Covid-19 un decálogo de recomendacións elaborado dende Servizos Sociais a través do seus psicólogos, cunha serie de recomendacións á cidadanía.

O decálogo inclúe expresar as  emocións. Nestes días podes ter emocións intensas e sentir medo, ansiedade, nerviosismo, alerta excesiva, problemas de concentración e preocupacións constantes. Identifica estas emocións, acéptaas e exprésalle o teu malestar ás persoas que tes ao teu carón.

Identifica os pensamentos molestos. Ten en conta que estes forman parte do proceso de alarma, polo que non trates de eliminalos e acéptaos como una reacción normal ante a situación, e non te asustes deles.

Normaliza os cambios que se dan no teu corpo. Pode que nesta situación o teu corpo funcione diferente, que o corazón latexe máis rápido, que súes máis, que respires máis axitadamente, que as túas mans adormezan ou treman sen causa xustificada. Pode tamén que teñas problemas para durmir ou que o teu sono non sexa reparador.

Comunícate. Se estás soa ou só na casa ou botas en falla aos teus seres queridos, non dubides en poñerte en contacto con eles a través do teléfono fixo, móbil ou ordenador. As novas tecnoloxías son as túas aliadas para poder ver e escoitar á túa xente e aliviar a incerteza.

Mantente ocupada/o mais sen esgotarte: ler, ver a televisión, limpar a casa, debuxar, facer bricolaxe, cociñar, debuxar, xogar… Calquera actividade que manteña a túa mente ocupada é positiva; mais lembra tamén deixar un tempo para o descanso, e evita a sobrecarga.

Evita os conflitos. O confinamento pode facer que nos sintamos con máis irritación ao ter que compartir durante todo o día os mesmos espazos. Se xorden discusións o mellor é respirar profundamente e ocupar distintos habitáculos da vivenda, ata que diminúa a tensión.

Establece rutinas. Aínda que esteas na casa, fixa distintos horarios para desenvolver diferentes actividades (a hora de almorzar, o momento do aseo, as horas de ver a televisión etc.).

Evita a sobreinformación. Non toda a información que nos chega sobre o Covid-19 é verídica, polo que a debes analizar con espírito crítico. Fíate unicamente das fontes oficiais para evitar caer en estados de pánico.

Entende que o confinamento é temporal. Trátase dunha situación extraordinaria que durará un tempo limitado, mais á que non debemos poñer prazos. Así reduciremos a ansiedade e non crearemos falsas expectativas.

Confía en ti. Cando sintas medo ou temor pensa en todas as situacións ás que xa te enfrontaches na túa vida e que fuches capaz de superar. Ti tes a forza para vencer os momentos difíciles. Para calquera información sanitaria sobre o Covid-19 chama ao 900 400 116. Para obter apoio social e atención psicolóxica chama ao 900 400 800.

Tamén se inclúe o teléfono do Concello, ao que á veciñanza pode chamar en calquera momento no 981 774 742.