O Concello renovará o parque Pablo Iglesias a través dun proxecto que inclúe mobiliario, plantación de árbores e arranxo dos carreiros

485

O Concello ten previsto mellorar o parque Pablo Iglesias a través dun proxecto no que se investirán máis de 95 000 euros, incluído no Plan Complementario da Deputación. Trátase dunha actuación que contempla a plantación de novas árbores, a renovación de pavimentos e bordos, e novo mobiliario urbano, entre outras cousas.

 

 

Os traballos incluirán a talla de árbores mortas, que presentan un deficiente estado fitosanitario ou que teñan un grao de inclinación que supoñan risco de caída ou fractura. Plantaranse 28 novos exemplares en substitución daqueles retirados e completando o deseño do xardín. A selección de especies leva a cabo buscando a variedade de porte e cor complementando a paleta cromática actual.

Tamén se actuará nos carreiros do parque que están rodeados  por copas e raíces dos exemplares máis lonxevos e para a súa protección a actuación debe ser conservadora. Retirarase a capa de superficial, uns 40 mm, cos que se eliminarían as herbáceas que o irán colonizando así como outros restos. Executarase a capa de acabado do pavimento permeable mediante area tostada, sen partículas de lodo ou arxila, constituíndo un pavimento accesible, duro, estable, antiescorregadizo en seco e en mollado, sen pezas nin elementos soltos. Este pavimento permitirá o tránsito de peóns e peoas de forma estable e segura, sen ocasionar afundimentos nin estancamentos de augas.

Canto ao mobiliario urbano retiraranse os bancos existentes por atoparse en mal estado de conservación, moitos deles semisoterrados coas sucesivas achegas de material. Proponse a colocación de varias unidades  para completar a oferta existente nos puntos de intersección dos carreiros, mais fóra do camiño da circulación dos peóns. En total serán 23 bancos, con respaldo e apoiabrazos (recollendo unha das peticións das persoas usuarias de maior idade), buscando a uniformidade en acabados e gama cromática. Tamén se substituirán as 9 papeleiras e optarase por un modelo máis actual, en consonancia cos novos bancos.

Limparanse as luminarias, as esculturas, o reloxo de sol e o escudo mediante os procedementos apropiados que non deterioren o granito. Colócase unha nova fonte bebedoiro cuxo deseño, premedor sobre poste, permita a súa utilización por unha maior diversidade de persoas usuarias e na intersección dos camiños diagonais colocaranse unhas xardineiras centradas, sensiblemente alombadas, con planta de longa floración.

A revalorización do edifico de sindicatos para un novo uso será sen dúbida un revitalizador para o parque. Sempre que a rehabilitación e novo uso non se definan proponse unha solución provisional que mellore a percepción desde o parque. A proposta consistiría na retirada do parque infantil e a recuperación do trazado xeométrico orixinal do carreiro. Na superficie antigamente ocupada pola soleira da área de xogos planéase un xardín inerte formado por unha praia de grava branca con grupos de bolos graníticos. Toda esta intervención está pensada para ser retirada e recolocada cando se executen as futuras obras no edificio.

Porase a disposición da veciñanza un sistema de educación ambiental interactivo a través de códigos de resposta rápida (QR, polas súas siglas en inglés). Colocaranse placas accesibles co nome científico, a súa denominación en galego, castelán e braille e un código QR en 20 especies arbóreas diferentes para que as persoas visitantes poidan escanear os códigos co seu dispositivo móbil e recibir información.

Co fin de mellorar a calidade e valor da contorna, a intervención incluiría a colocación en árbores de caixas-niño para distintas especies de aves e morcegos e un “hotel de insectos” co obxectivo de fomentar a diversidade de especies animais no parque e o control de pragas insectívoras. Manteranse as cepas e mesmo se propón amorear madeira no noiro norte para favorecer a riqueza de insectos saproxílicos (é dicir, que se alimentan de madeira morta).