O Concello de Betanzos conmemora o Día internacional do Libro e da Lectura con contacontos e obradoiros

350

O Concello de Betanzos conmemora ao longo desta semana o Día Internacional do Libro e da Lectura, que ten lugar o vindeiro venres 23 de abril, con distintas actividades programadas para promocionar o libro e a lectura, tentando promovela entre os máis novos e novas e achegarlle a importancia dos libros como ferramenta de enriquecemento cultural aos máis pequenos e pequenas.

Este ano, entre as actividades programadas para o Día Internacional do Libro de da Lectura polo Concello de Betanzos realizaranse sete sesións do contacontos “Arredor de Xela” por conta Raquel Queizás, no CEIP Francisco Vales Villamarín e no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” durante as mañás dos días 21, 22 e 23 de abril. Nas sete sesións de contacontos, que terán lugar para o alumnado de 1.º, 2.º e 4.º de Educación Primaria, o alumnado dos centros de ensino achegarase a última proposta de Raquel Queizás sobre a figura de Xela Arias, autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.

Ademais, o Concello de Betanzos organiza os días 19, 21 e 30 de abril os obradoiros “Agromando palabras” por conta da escritora Dores Tembrás do colectivo Apiario no IES Francisco Aguiar, o IES As Mariñas e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” dentro da programación do Día Internacional do Libro e da Lectura e para animar ao alumnado de secundaria dos centros de ensino betanceiros a participar no X Concurso de creación literaria cuxo prazo de presentación dos textos está aberto desde o 19 de abril ata o 14 de maio de 2021.