O goberno local executa un plan municipal de limpeza de zonas e de mantemento de mobiliario urbano

340

O goberno local está a desenvolver un plan municipal de mantemento de espazos públicos que inclúe tanto a limpeza de prazas e rúas como o tratamento de pavimento afectado por “verdello” e que provocou escorregamentos de veciños e veciñas en tramos nos que apenas dá o sol. O concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, explicou que se trata dunha actuación que se repite cada certo tempo e que ten como obxectivo o mantemento en condicións óptimas de diferentes zonas públicas.

Entre elas está a urbanización da Condesa na que levaron a cabo traballos de limpeza e mellora de pavimento; e pintado de mobiliario urbano, tanto bancos como papeleiras e varandas. “Realizouse unha actuación integral que agora continuará noutros barrios de Betanzos”.

Ademais da Condesa e a zona das Cascas, realizáronse melloras no parque da rúa Xudeus; na rúa Salvador Cabeza de León ou a praza Amador Cortés e doutor Fariña, lugares nos que tamén foi necesario “limpar o pavimento, neste caso as beirarrúas cun tratamento antiescorregadizo”.

O edil indicou que tamén se realizaron tarefas similares nas rúas do centro histórico con tratamento antiverdello nunha “zona en que a que polas pedras e a humidade durante os meses de inverno é necesario acometer este tipo de traballos varias veces”.

Outra das actuacións centrouse na limpeza de puntos de vertedoiros incontrolados en varios lugares do municipio coa advertencia de que por parte da Policía Local aplicaranse “as normativas sancionadoras en vigor se se identifican as persoas responsables deste tipo de actos, máis cando existe no municipio un punto limpo para depositar este tipo de refugallos”.

Diego Fernández anunciou, ademais, que dentro deste plan limparanse fontes públicas, algo que xa comezou coa dos Ánxeles na que “cada dous por tres aparecen restos de lixo como consecuencia de actos incívicos que lles supoñen un importante custo ás arcas públicas”.

Fonte dos Ánxeles