O goberno local presentará ao vindeiro pleno unha proposta para soliclitar á Xunta de Galicia que incoe o procedemento para declarar ben de interese cultural o Globo de Betanzos, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, quen destacou o significado que ten o Globo para Betanzos e a súa historia, un símbolo que “transcende do eido local”. Na súa declaración como ben de interese cultural a proposta fai referencia ao Globo dende a primeira referencia documentada que data de 1814.
A solicitude á Xunta consta de dúas partes. Por unha, a elaboración técnica do Globo, sinxela e económica, que se lanza polo quecemento do aire contido na envoltura. A construción do globo está suxeita a unha serie de pezas laminares iguais e independentes, constituídas a partir dun material lixeiro e impermeable, xa sexa papel kraft ou celulosa de primeira, cun peso que varía entre os 55 e os 70 gramos por metro cadrado. Estas pezas laminares están formadas a partir de pliegos de papel cunhas dimensións de 65×90 ou 60x80cm, unidas entre sí por un solapado parcial e o pegado dos seus bordes. O proceso do pegado faise con materiais naturais, neste caso con fariña de centeo macho, que serve para unir os 16 cuarteróns de papel que compoñen o aeróstato ata acadar os 25 metros de alto e os 50 metros de circunferencia. Isto conleva un peso aproximado da peza de 150 quilogramos, logrando reunir no seu interior 2300 metros cúbicos de aire. A modo de curiosidade, cada cuarteirón vai decorado sempre cunha escena cómica relativa aos acontecementos do ano, así como unha representación do escudo de Betanzos.
Outra parte é a historia do propio Globo. Máis alá das diferentes lendas que existen ao respecto dos inicios do Globo, a primeira referencia documentada é a do lanzamento dun globo de papel, en concreto un globo elevado na cidade o 29 de maio de 1814 como homenaxe ao rei Fernando VII.
Existirán outros casos nos que o lanzamento estea ligado a motivacións políticas, como son os dous globos elevados en 1837 cos que se celebra a redacción dun novo texto constitucional, ou os creados en 1846 para celebrar a voda de Isabel II.
Alén destas celebracións, existe a tradición de lanzar globos aerostáticos de papel dentro das celebracións festivas de Betanzos dende, polo menos, 1834.
Nese ano atopamos a primeira referencia no Arquivo Municipal de Betanzos. Serían varios aeróstatos elaborados por rapaces da cidade que lle custaron ao Concello de Betanzos 28 reais por invitar «a una ponchada a los muchachos en la noche de San Roque por haber trabajado los globos» e 50 reais máis «por una merienda a dichos muchachos, solicitada por algunos de ellos».
Estes globos estarían formados por «10 resmas [de] papel para los Globos, 16 libras [de] arina […]» para poder pegalos, «trenza y bramante para ellos, 2 resmas mas de papel mas ordinario», quizais para o globo máis pequeno, «hilo, cola y Braseros para enjugarlos» que era a acción se secalo para que pesase o menos posible. E pagáronse «88 reales por pintarlos». Gastáronse ademais 88 reais «por aceite, papel de Estraza, Estopa y Brea para el Gas de los Globos», o que nos permite acercarnos á fase de inflado. Levaban «barquillas» e estas despedían «fuego», coma hoxe, posto que así se constata, como tamén o pago «a los fogueteros por armar las ruedas de las Barquillas».
A historia do globo no século XIX vai ligada aos expedientes de festas que se conservan no Arquivo Municipal de Betanzos onde moitas veces os datos que se nos presentarán serán a do globeiro encargado de realizar o aeróstato e a contía que ten que desembolsar o Concello de Betanzos ante a factura presentada polo artesán.
Os primeiros globos coñecidos están ligados á pericia dese grupo de «muchachos», o primeiro globeiro que se atopa entre a documentación municipal será o de Vicente Villar, encargado de facer e lanzar os globos das festas de Betanzos en 1837. Tres anos despois, en 1840, o Concello de Betanzos aproba non só o lanzamento dos globos nas súas celebracións, senón que concreta un programa no que tamén destacarán o baile das tres danzas gremiais, concertos musicais e a iluminación da praza con farois. A través dos expedientes de festas do Arquivo Municipal de Betanzos tamén identificamos a figura de Juan Contas, outro globeiro que en 1865 cobra 60 escudos por elaborar e lanzar os globos de papel. A súa función será continuada por Luís Abella, quen sabemos que cobra 80 escudos pola construción de dous globos aerostáticos, un de maior tamaño que o outro, para ser elevados os días 15 e 16 de agosto.
Dous anos despois, en 1868, Abella seguirá sendo o encargado desta tradición, incrementando o seu custo ata os 96 escudos e ampliando a flota de globos que voan polo ceo brigantino: serán tres, para os días 14, 15 e 16 de agosto. Haberá cambios na titularidade do «echador de globos» pasando en 1869 a mans de Manuel Ramos Casal, que se encargará da tarefa durante tres anos e será sustituido por Antonio Pedreira, que na factura que emite ao Concello de Betanzos, ademais de cobrar pola elaboración de tres globos de papel, recibirá un pago pola «recomposición de los gigantes».
En 1875 (este ano o Concello festexa o 150 aniversario) o globeiro encargado da tarefa será Claudino Pita, relegado por Luís Abella no ano seguinte, encargándose este do lanzamento de catro globos: «uno de ocho varas de largo, otros de diez y seis, otro de veinte y cuatro y otro de diez».
Ao ano seguinte, en 1877, retomará a tarefa Claudino Pita, que se fará cargo nos seguintes anos de manter esta tradición, sendo substituído á súa morte polo seu fillo Jaime. Durante o século XX practicamente non varían as características do globo, sendo o cambio máis importante a elevación dun único aeróstato a partir do ano 1935, que será o que se eleve na noite do 16 de agosto. Haberá pequenas variacións no tamaño da figura, ata que se estipulen os vinte e cinco metros de alto polos cincuenta de circunferencia que se manteñen na actualidade.
Entre os acontecementos extraordinarios do século XX hai que destacar unicamente a imposibilidade de elevar o globo nos anos de 1935, 1944, no período comprendido entre 1947 e 1950 e, finalmente, no 1970. Xa no século XXI non se logrou a súa elevación durante o período da crise sanitaria provocada pola COVID19 e no ano 2023. As propias características do globo tamén frearon a súa elevación por cuestións climatolóxicas no 2018, no 1963 cando se enganchou na torre da igrexa de San Domingos ou en 1960 cando impactou contra unha das casas da praza.
A tradición de elevar un globo durante as celebracións festivas foi unha constante no século XX, non só nas festas organizadas polo Concello de Betanzos senón tamén nas diferentes festas dos barrios, onde era habitual ver aos máis pequenos construír pequenos globos de papel para lanzar ao ceo tras inflalos co aire quente.
Do mesmo xeito existían globos similares noutros concellos da contorna. Na actualidade o Globo de Betanzos é un dos símbolos máis senlleiros da cidade, onde a súa tradición, xunto a outras máis antigas como a representación das danzas dos gremios medievais ou a centenaria tradición da xira fluvial ao campo dos Caneiros, compón o programa festivo que se celebra no mes de agosto.











