O Concello volveu a trasladarlle á Consellería de Infraestruturas o malestar e os problemas que están a causar a diario os cambios efectuados desde o 10 de xaneiro nas liñas de autobús de transporte público. A alcaldesa, María Barral, mantivo conversas co xefe territorial para trasladarlle eses problemas tendo en conta que existe “un compromiso por parte da Consellería de atender os problemas que xurdan e buscarlles solución, algo que, polo momento, aínda non ocorreu”, indicou a primeira edil.

María Barral mantivo nos últimos días conversas con diversos colectivos e particulares que se ven afectados pola falta de transporte co fin de solicitar todas estas incidencias e “trasladalas á Consellería, xa que non se trata dun tema puntual ou un problema particular, senón de situacións que afectan a varios colectivos e grupos”. Entre eles, a alcaldesa puxo sobre a mesa os problemas que están a padecer os traballadores e traballadoras sanitarias que nestes momentos, despois dos cambios efectuados nos horarios, “só teñen cuberto o servizo de luns a venres no horario de mañá”. Tanto a tarde como a noite e o  fin de semana “non hai servizos para que poidan desprazarse a Betanzos, nin para poder ir a Coruña”.

O mesmo sucede con outros colectivos de traballadores que teñen que esperar durante horas para poder regresar a Betanzos desde a Coruña. “En moitos destes casos, tampouco se axusta a oferta existente polo que están a chegar tarde ao seu traballo”. Outro dos colectivos son os escolares. Neste caso, as dificultades xa non só xorden coa Coruña senón tamén con Ferrol. Para desprazarse a esta cidade, os universitarios teñen que utilizar á primeira hora o tren, xa que non existe un servizo de transporte por estrada que chegue “para estar á primeira hora en clase”. Pero o problema se acrecenta polos cambios de horarios a última hora da mañá. “Non existe autobús de volta, como antes, cando terminan as clases, o que fai que os escolares betanceiros ou ben queden durante horas, isto é, toda a tarde en Ferrol á espera de bus, ou ben, como están a facer moitos, desprazarse de Ferrol á Coruña e volver e coller o da Coruña-Betanzos para non estar durante cinco ou seis horas en Ferrol esperando”, indicou a alcaldesa.

No que si coinciden todas as queixas é na falta de información sobre horarios e liñas. “Na parada existen uns horarios que non se corresponden coa realidade e que son diferentes aos que hai na web, o que xera desconcerto e falta de información. Entendemos que estamos nun proceso de cambios, mais as persoas usuarias teñen que dispor da información correcta. Se a iso lle unimos que os cambios efectuados non se entenden e que se o servizo anterior a eles non era xa de todo satisfactorio, o enfado é maiúsculo”, explicou a alcaldesa quen advirte que “levamos varias semanas tentando que a Xunta poña solución, pero se esta non chega non haberá máis remedio que emprender outras vías para que se vexan atendidas as nosas demandas e a da nosa veciñanza”.