O Concello deixa, a partir do luns, a maior parte das rúas da Ribeira nun só sentido de circulación logo da remodelación da zona

265

O Concello cambiará a partir do próximo luns o sentido de circulación de varias rúas da Ribeira que pasarán a ser dun só sentido. A medida afectará á travesía do Malecón-Mariña; aos dous tramos do Grupo Brigantium, á rúa Mariña e a Manuel Naveira. O obxectivo é que o edificio do Matadoiro sexa o centro dunha “gran rotonda imaxinaria” e que estas modificacións melloren a circulación tendo en conta da estreitura destas rúas.

A reordenación de tráfico xorde polas obras de mellora levadas a cabo no barrio, en concreto de mellora  da urbanización e de servizos na praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do Centro histórico de Betanzos, coa reorganización das dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das  canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas.

O obxectivo do proxecto foi recuperar espazos para o uso da cidadanía, e resolver con certo equilibrio a convivencia desta co automóbil, redefinindo os tránsitos e limitando o espazo destinado a estacionamento de vehículos. O custo do investimento supera os 237 000 euros.

Na praza Paio Formoso, reservouse para o peón o acceso directo fronte ao paseo Antolín Faraldo, e desprazouse o acceso rodado ao Malecón, fronte ao río. Con isto obtense un espazo protexido do automóbil, no que poder colocar bancos e zonas axardinadas e conseguir así espazos íntimos onde poder estar. As árbores definen o perímetro da zona de praza, conseguen sombras, e integran os aparcadoiros que se propoñen.

Na praza do edificio Matadoiro, para destacar o edificio e crear, así mesmo, un lugar de uso e estadía, colocarase beirarrúa de granito xunto ao peche do matadoiro que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado, e, na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos, que conformen un recuncho onde xogar e convivir.

A sección de rúa pavimentouse de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegadas ás frontes construídas, de granito, que lle proporcionan a configuración de alfombra, resolven as irregularidades do trazado, e, ao mesmo tempo, permiten racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non afecte o pavimento continuo do centro da rúa. En ambas as prazas, as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos, resaltáronse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública.