O goberno local comezará a mediados de febreiro a mellora da avenida Fraga Iribarne, entre O Carregal e As Cascas, e unha nova rotonda no cruzamento central da zona comercial

561
Cruce da avenida Fraga Iribarne coa avenida Juan García Naveira

O goberno local executará a mediados de febreiro as obras de mellora da avenida Fraga Iribarne e a construción dunha nova rotonda. A empresa adxudicataria xunto a dirección de obra, e o persoal técnico municipal mantiveron unha reunión de coordinación dos traballos xunto co concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, para fixar o inicio dos traballos e a programación dos mesmos, tendo en conta que se trata dunha zona cunha importante densidade de tráfico na que será necesario “establecer fases de execución para afectar o menos posible ao tráfico rodado”.

O edil explicou que os traballos comezarán pola construción da rotonda e o novo tramo de beirarrúas, para deixar para a fase final tanto o asfaltado como a sinalización horizontal e vertical.

Diego Fernández indicou que o proxecto recolle a mellora no tramo comprendido entre a glorieta de entroncamento coa avenida do Carregal, e a glorieta de entroncamento coa avenida de Jesús García Naveira, un tramo que presenta un deficiente estado de conservación ademais de problemas de mobilidade. A actuación está incluída no Plan Único de Concellos (POS+2020) cun custo que superará os 210.000 euros.

Despois de realizar un estudo técnico, viuse a necesidade de revisar os cruzamentos coa avenida Juan García Naveira, onde se propón a introdución dunha rotonda dun carril, así como no encontro coa rúa Irmáns Martínez Santiso. A construción dunha rotonda e  pequenos illotes servirá para canalizar o tránsito e transformarán a intersección en incorporacións, polo que a accidentalidade potencial do cruzamento diminúe considerablemente.

Exponse, ademais, o reforzo da sinalización, tanto vertical como horizontal da zona de actuación. Desde o punto de vista da accesibilidade peonil, transfórmase a contorna en itinerario accesible.

Os pavimentos do firme actual da avenida Fraga Iribarne presentan numerosos tramos gretados así como problemas nos trazados de pendentes que xeran dificultades para a correcta xestión das augas de pluviais. Comprobouse que o pintado da avenida está en moi mal estado de conservación.

A actuación pretendida inclúe o fresado e reposición do firme actual para corrixir as pendentes e sen afectar os trazados de instalacións urbanas. A cota da sección transversal da vía pública non se verá afectada os seus extremos agás na zona da nova rotonda onde se amplían e modifican os trazados incluíndo anchura de calzadas, beiravías, separadores e prazas de aparcadoiro.

O modelo proposto responde á tipoloxía de miniglorieta, entendida como glorieta de pequenas dimensións cuxo illote central é totalmente franqueable para que poidan virar os vehículos de grandes dimensións. O seu emprego é idóneo en contornas urbanas onde se circula a unha velocidade moi baixa. A miniglorieta proxectada ten un illote central de menos de 4m de diámetro exterior e adaptarase á realidade física do emprazamento.

Dada a proximidade da rotonda inmediatamente posterior, de ligazón coa avenida Jesús García Naveira, onde se é posible o cambio de sentido de vehículos pesados, o obxecto de deseño da presente responde á resolución de problemas de incorporación e xiro mais non se pensou para o cambio de sentido total dese tipo de vehículos. Toda área peonil estará flanqueada por bordos rectos de formigón gris. 

Aproveitando a execución das novas beirarrúas, optimízanse as anchuras, sitúan escavas para árbores de modo análogo ao executado na beirarrúa da gasolineira inmediatamente enfrontada e sinalízase correctamente a totalidade do ámbito.

INICIO DAS OBRAS NOS VIARIOS MUNICIPAIS

Por outra banda, esta semana comezarán os traballos de pavimentación de viarios na zona rural dentro do plan de estradas e seguridade viaria cun investimento próximo aos 186 000 euros. Os camiños están situados nas parroquias de San Martiño de Tiobre, Santa María de Pontellas, Santo Estevo de Piadela e Santiago de Requián, e forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Touriñao, Castro, Illobre, Viladesuso, Guiliade, Infesta e Xanrozo.

Trátase de camiños moi utilizados que permiten o acceso directo dos núcleos de poboación ás estradas autonómicas e provinciais, e cuxo pavimento está moi deteriorado polo paso de tempo e a circulación rodada que soportan, e ademais están sen sinalización horizontal, o que supón unha inseguridade, especialmente para os peóns e as peoas. Esta rede de camiños de titularidade municipal supón a conexión dos núcleos poboacionais da zona rural coa zona urbana.