O Concello ultima a súa proposta para Fitur centrada este ano na captación de turismo gastronómico coa “Tortilla de Betanzos”

481

Betanzos ultima a súa proposta para Fitur, que terá lugar a finais deste mes, apostando por unha serie de accións promocionais da cidade, centradas na historia, a cultura e, este ano, de forma especial, na gastronomía.

Trátase da feira de turismo máis importante de cantas se realizan en España e entre as primeiras a nivel mundial. O Concello participará cunha caseta propia e será, a día de hoxe, o único concello de Galicia que contará con presenza nesta feira.

Captar turismo gastronómico será o obxectivo deste ano en Fitur, promocionando o prato estrela da cociña betanceira: a tortilla. “As campañas realizadas durante estes últimos anos a través de diferentes medios, o impulso que se lle deu á nosa tortilla coas semanas dedicadas a este produto; a colaboración que tivemos por parte da hostalaría” fixo que nestes momentos a marca Tortilla de Betanzos estea no seu momento máis álxido e iso temos que aproveitalo, dando un paso máis na súa promoción”, explicou a alcaldesa.

As cifras de turistas a Betanzos, segundo os datos que manexa a oficina de Turismo tamén se incrementan ano tras ano. “Poucas cidades poden ofrecer o que Betanzos ofrece, un centro histórico como o que temos; os nosos costumes e tradicións, a nosa cultura milenaria e un comercio e unha gastronomía única”, indicou hoxe a primeira edil. Por iso é polo que o obxectivo sexa, unha vez “obtido ese grao de coñecemento de Betanzos, centrarnos nun turismo como o gastronómico, que supón anualmente para España máis de oito millóns de turistas internacionais. Se a iso lle sumamos o turismo nacional que ten a Galicia como punto de referencia no sector gastronómico, “coido que Betanzos ten un gran potencial e todos os condicionantes para incrementar as cifras deste tipo de turismo de face a 2020”.

Nestes momentos, Betanzos prepara diversas accións promocionais para Fitur, non só para turismo internacional senón tamén para o turismo nacional “onde estamos ben situados e onde debemos, por tanto, seguir medrando”, apunta a primeira edil. A idea é reforzar a “marca e reforzar a hostalaría, facendo mención especial á tortilla, a nosa, con aceite de oliva, patacas e ovos de aquí e, por suposto, sen cebola”.