O goberno local mantén reunións coa veciñanza e hostalaría da zona de “movida nocturna” antes de poñer en marcha medidas de control e vixilancia

91
Rúa Rosalía de Castro

O Concello incrementará as medidas de vixilancia na zona de “movida” nocturna. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, quen mantivo nos últimos días reunións con representantes veciñais e hostaleiros e hostaleiras.

O obxectivo é buscar vías de conciliación do lecer nocturno e o dereito ao descanso. Así as cousas, o Concello convocará unha reunión coa Garda Civil e Policía Local para coordinar diversas actuacións en materia de vixilancia, programando tamén unha reunión da Xunta de Seguridade “tal e como se acordou na Xunta de Seguridade celebraba o pasado mes de agosto”. En xullo celebrouse unha xunta de seguridade para a Feira medieval, e en agosto outra con motivo das festas na que xa se abordaron diversos asuntos relacionados coa seguridade cidadá, acordando outra para este último trimestre de ano.

O Concello, atendendo tamén diversas demandas veciñais que xa lles foron trasladadas tamén aos propios hostaleiros e hostaleiras, instalará cámaras de control de tráfico na zona e ampliará a diversas rúas a construción de pasos de peóns “sobreelevados”. Ademais, incidirá no cumprimento dos horarios de peche dos establecementos, o ruído e o consumo de bebidas na rúa.

Todas estas medidas tamén lles foron trasladadas tamén aos hostaleiros e hostaleiras a quen o Concello lles pediu a súa colaboración, por exemplo, á hora de prohibir sacar bebidas á rúa, e non facilitar, por exemplo, vasos de plástico. Desde a Administración local tamén se abrirán expedientes para a medición de ruídos.

O goberno local lembrou que se trata de aplicar medidas que á vez que permitan a conciliación, “en ocasións difícil, do lecer e o dereito ao descanso”, indicou a primeira edil. “É necesario tamén facer un labor de concienciación. Non podemos manter os niveis de ruído nas rúas a altas horas da madrugada nin a sucidade que se xera e que fai que o Concello teña que ter un servizo especial de limpeza para retirar os quilos e quilos de residuos que se xeran na zona”, un servizo que foi destacado polos propios veciñanza durante a reunión coa alcaldesa.

A hostalaría amosouse tamén disposta a colaborar “para evitar, dentro do que está nas súas mans, certas situacións na vía pública” e a cumprir “as normativas vixentes”.

Desde o Concello trasladarase agora a situación á subdelegación do Goberno para o seu coñecemento co fin de buscar “a colaboración entre os corpos de seguridade” a maiores da convocatoria dunha nova Xunta de Seguridade Local como se acordou nas celebradas en xullo e agosto.