Betanzos inicia este mes as obras de recuperación do mercado do centro histórico para que albergue gastronomía e postos de venda

188

Impulsar e revitalizar. Baixo ese prisma o goberno local iniciará este mes as obras de recuperación  integral do mercado municipal a través do plan de Axudas de recuperación, transformación e resiliencias do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cunha achega de 1,4 millóns de euros.

 

 

O obxectivo é dispoñer dun novo concepto de mercado, no que a oferta de produtos agrolimentarios; os postos de peixaría ou de carnizaría se mesturen cunha oferta hostaleira e facer do mercado un edificio de referencia nesa recuperación e impulso do centro histórico. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, durante a presentación pública do anteproxecto encargado a unha empresa especializada neste tipo de actuacións. “Trátase de dar un paso máis nese obxectivo que temos de impulsar o centro histórico. Por unha banda, coa recuperación de vivendas e a mellora de rúas e viarias; e por outro, con proxectos que sexan tamén motor de actividade”, indicou a primeira edil.

O proxecto ten como obxectivo crear un novo modelo de mercado municipal que “reuna o uso tradicional con outros de carácter gastronómico” que poida atraer un público máis extenso, tanto local como turístico. Para iso preténdese revitalizar o espazo, deseñando un espazo actual, sensible coas demandas sociais, comprometido con aforro enerxético e que sexa referente en dixitalización.

O proxecto pretende recuperar o edificio histórico e poñer en valor as características espaciais do inmoble orixinal, eliminar a planta engadida e recuperar a claridade espacial. As perforacións nos forxados existentes na planta primeira permitirán mellorar a iluminación natural da planta baixa semisoterrada. Ademais crearanse novos postos de venda.

A proposta busca ser un referente na rexeneración dos mercados de abastos tradicionais e propoñer un modelo de mercado inclusivo. Entre outras características, o proxecto incorpora sistemas de reciclaxe de auga para rega da plantación interior ornamental e planta de compostaxe de restos orgánicos. Na cuberta colocaranse paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía renovable.

A intervención proposta ten tamén como obxectivo potenciar as características que fan desta edificación un espazo execepcional dentro da cidade pola claridade construtiva, pola xenerosidade espacial e polo material. Por iso, todas as actuacións que se realicen deberán potenciar estes fundamentos, restaurando a fachada orixinal de forma integral e retirando aqueles elementos engadidos que a degradaron, recuperando o espazo orixinal do edificio, desmontando para iso a parte alta non orixinal e recuperando para a sinaléctica do recinto a tipografía orixinal dos letreiros do mercado.