O goberno local solicita a inclusión de Betanzos no plan Rexurbe e nun novo programa de axudas de Next Generation

225

O goberno local acaba de aprobar, na súa última Xunta de Goberno Local, a solicitude á Xunta da declaración como área Rexurbe do centro histórico da cidade.

A área Rexurbe é unha nova figura creada pola Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en 2019, que vai máis aló das ata agora áreas de rehabilitación integral, xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.

A través desta nova figura o Concello pretende impulsar actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora dos inmobles existentes e dos espazos públicos xunto con medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas á mellora das condicións de vida, a creación de riqueza e postos de traballo e a dinamización demográfica.

O obxectivo é realizar actuacións de rehabilitación e a mellora de edificacións e trama urbana, que incidirán sobre a situación económica e social dos ámbitos da área Rexurbe e de todo o centro histórico.

Unha vez realizada a declaración da área Rexurbe, o Concello redactará un plan de dinamización desta, no que se indicarán as medidas a adoptar e actuacións que se deben levar a cabo, o custo estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para levalas a cabo.

Para a redacción do plan de dinamización, o Concello contará cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), segundo o establecido na Lei de rehabilitación. Para a redacción deste modelo de plan de dinamización o organismo público contou coa colaboración, a través dun convenio, da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O plan de dinamización que redacte o Concello será sometido logo a consultas cos organismos incluídos neste antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, aprobación que facilitará o inicio de actuacións na área Rexurbe de Betanzos.

Por outra banda, o Concello solicitará tamén participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio que contempla o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration. Con esta solicitude, presentada pola alcaldesa, María Barral, adaptarase a área de Rehabilitación Integral (ARI) a unha Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP).

A participación do Concello neste programa de axudas permitirá o financiamento de obras de rehabilitación de edificios e vivendas dentro de Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada, sempre que se obteña unha redución de polo menos un 30% do consumo de enerxía primaria non renovable nos edificios. Deste xeito, cumpriríase co obxectivo de adaptar o parque de edificios e vivendas en España aos retos nacionais e europeos en materia de sustentabilidade “mitigando a demanda de calefacción e refrixeración nos fogares”.

Tras o acordo, o Concello adopta o compromiso de actuar como entidade xestora das actuacións, despois da sinatura do correspondente acordo específico, e de tramitar os procedementos conforme aos requisitos previstos no Plan.

O goberno local considera “imprescindible” que o Concello participe nos programas de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio “para mellorar as vivendas, o seu estado de conservación, acondicionando o interior e o exterior do edificio e conseguindo así unha mellora substancial do illamento térmico e unha redución do consumo anual de enerxía non renovable.

Así, segundo indica a primeira edil, tendo en conta que non se contempla por Lei que se poidan seguir realizando accións nos mesmos termos que viña facendo ata a data, é necesario adaptar a ARI ao novo modelo de ERRP recollido no Real Decreto 853/2021.