Betanzos conclúe outra fase de mellora de viais municipais en Viladesuso e Gas e inicia os traballos nos núcleos de San Xiao, Os Tabaques e Illobre

240
Camiño a Gas

O goberno local concluíu outra fase de obras de mellora de viais municipais. Trátase dun programa que se está a levar a cabo en todo o termo municipal e que nesta fase de executou en Viladesuso, Viraventos e Gas.

Os traballos consistiron na pavimentación dos viais e a colocación da nova sinalización horizontal e vertical, co pintado dos bordos da calzada. Previamente ás obras, realizouse a limpeza de noiros e beiravías.

Os camiños incluídos nesta fase son dous en Viladesuso (zona dos Martigos, cara ao embalse de Cecebre) e zona da Picheira, no límite con Bergondo, o camiño do Vilar en Viraventos e os dous camiños que parten da igrexa de Tiobre a Gas.

O importe destas actuacións ascende a 111 917 euros e formou parte das actuacións do programa POS 2021 adicional.

Xunto con estes camiños, tamén se van executar os viais de San Xiao, Os Tabaques e Illobre, segundo explicou o concelleiro de Obras, Diego Fernández, que anunciou outros proxectos que incluirán núcleos en Guiliade, O Farragoto e Requián, Pontellas, San Martiño e Piadela.

Estes traballos súmanse aos asfaltados en Viladesuso, Xanrozo, Touriñao e Castro, mediante outro proxecto incluído no POS 2021 por un importe de 185 793 euros. Camiños moi utilizados que permiten o acceso directo dos núcleos de poboación ás estradas autonómicas e provinciais e cuxo pavimento estaba moi deterioración polo paso de tempo e a circulación rodada que soportan. Ademais, estaban sen sinalización horizontal, o que supoñía unha inseguridade, especialmente para os peóns e as peoas. Esta rede de camiños de titularidade municipal supón a conexión dos núcleos poboacionais da zona rural coa zona urbana.

Así, o Concello segue desenvolvendo un programa que prevé a mellora de estradas en toda a zona rural a través de diversos plans en convenio coa Deputación provincial, axudas da Xunta e con partidas propias dos orzamentos municipais. Nos últimos meses se executaron obras no Tarreo, Guiliade e a A Rúa e Talai, dentro do mesmo programa municipal de pavimentacións, rozamentos e reforzo de sinalización e tamén de pavimentación e sinalización horizontal e vertical nas parroquias de Requián e Santo Estevo de Piadela, formando parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais Xanrozo, Guiliade e Piadela.