O goberno local solicita a inclusión de Betanzos nun novo programa de axudas de Next Generation para o casco histórico

196
Rúa Pinche no casco histórico de betanzos

O goberno local solicitou participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio que contempla o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation. Con esta solicitude, presentada pola alcaldesa, María Barral, adaptarase a Área de Rehabilitación Integral (ARI) a un Contorno Residencial de Rehabilitación Programada (CRRP).

A participación do Concello neste programa de axudas permitirá o financiamento de obras de rehabilitación en edificios e vivendas dentro de Contornos Residenciais de Rehabilitación Programada (CRRP), sempre que se obteña a redución de, polo menos un 30% do consumo de enerxía primaria non renovable nos edificios. Deste modo, cumprirase co obxectivo de adaptar o parque de edificios e vivendas de España aos retos nacionais e europeos en materia de sustentabilidade “e mitigar a demanda de calefacción e refrixeración nos fogares”.

Logo do acordo, o Concello adopta o compromiso de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do correspondente acordo específico, e de tramitar os procedemento segundo os requisitos previstos no Plan.

O goberno local considera “imprescindible” que o Concello participe nos programas de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio “para mellorar as vivendas, o seu estado de conservación, acondicionando o interior e o exterior do edificio para conseguir así unha mellora substancial do illamento térmico e unha redución do consumo anual de enerxía non renovable.

Así, segundo indica a primeira edil, toda vez que non se contempla por Lei que se poidan seguir realizando accións nos mesmos termos que se viña facendo ata a data, é necesario adaptar a ARI ao novo modelo de CRRP recollido no Real Decreto 853/2021.