O Concello de Betanzos prepara, no marco da campaña Betanzos en Negro, diferentes actividades de prevención da violencia de xénero co gallo do 25 de novembro.

286

O ente local betanceiro pon en marcha unha nova edición da campaña Betanzos en Negro, no seu compromiso coa prevención e na loita contra as violencias machistas.

Son varias as actividades que forman parte desta campaña, como obradoiros e charlas coeducativas que se destinan ao alumnado dos centros de ensino de primaria e secundaria; representacións teatrais para público xeral; ou un obradoiro sobre autocoñecemento e saúde sexual dirixido a mulleres.

Serán citas ineludibles a lectura do manifesto institucional programado para o venres 25 de novembro ás 12:00 horas, a IX Andaina contra a violencia de xénero do Consorcio das Mariñas, e o roteiro Betanzos en Feminino, que se realizarán na localidade o sábado 26.

Un ano máis, o Concello de Betanzos colabora tamén na campaña da Deputación Provincial da Coruña, De Fronte, con contidos a través das redes sociais.

Aqueles comercios, locais de hostalaría, asociacións e entidades que desexen participar na campaña Betanzos en Negro, poden inscribirse do 7 ao 16 de novembro, enviando un correo electrónico á conta [email protected] ou poñéndose en contacto cos Servizos Sociais no 981.77.07.07.