O grupo de rock galego Zenzar actuará este venres na Aula de Cultura para o alumnado de secundaria dos institutos

1135

“Música e lingua, repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nel”, é unha actividade conducida polo grupo galego Zenzar que chega este venres 5 de outubro á Aula Municipal de Cultura nunha función para máis de douscentos alumnos e alumnas de secundaria do IES As Mariñas, o IES Francisco Aguiar e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”.

A proposta de dinamización lingüística, está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de ensino de Betanzos e pertence ao programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña, que subvenciona o cincuenta por cento das propostas escollidas polo Concello.

O alumnado asistente desfrutará, en primeiro lugar, dunha vídeo-charla con membros do grupo, falando da historia do rock en galego como elemento dinamizador da lingua na nosa cultura, todo isto combinado con información e vídeos de bandas pioneiras da música contemporánea en galego, e unha pequena instrospectiva do que é o papel da muller na música galega, coas ilustracións de Laura Romero, actual baixista do grupo e creadora do proxecto “Músicas galegas ilustradas”, e unha segunda parte que será un concerto onde se poderán escoitar pezas de moitas etapas que viviron o grupo máis algunhas das súas novas creacións, ao máis puro estilo do grupo, un rock contundente e honesto.