O Museo das Mariñas inaugura unha mostra temporal sobre o arquivo fotográfico e culinario de Luís Veiga Cadaveira

472
A concelleira de comercio Ángeles Veiga e o concelleiro de participación cidadá Ricardo Cheda xunto a Antía Arcay Rodríguez, Olivia Barbero Bernabé, Alicia Maneiro Paz e Irene Paredes Rivera.

A sala de exposicións temporais do Museo das Mariñas acolle unha nova mostra. Trátase de “LVC: cuina i fotografia”, unha viaxe a través dos fondos persoais de Luís Veiga Cadaveira. Este home de orixe catalán, casado ca pintora Rosina Martínez Barral, residiu en Betanzos os derradeiros anos da súa vida, centrando o seu tempo en dous dos seus grandes intereses: a cociña e a fotografía.

Agora a mostra do museo recolle estes dous legados, a través da mostra dalgunhas das case setecentas receitas que deixou mecanografadas e que permiten achegarse tanto á cociña atlántica como a outra de inspiración mediterránea. As súas elaboracións, escritas en catalán e castelán, recollen pratos galegos e cataláns, moitos deles recollidos de obras de diferentes gastrónomos pero tamén con elaboracións propias.

No canto da fotografía, Veiga Cadaveira retratou durante toda a súa vida todo tipo de paisaxes da súa Cataluña natal e de Galicia. No caso da mostra, céntrase sobre todo nos varios centos de imaxes que deixou de Betanzos, realizadas a cabalo entre as décadas dos anos oitenta e noventa. Os seus disparos recollen unha cidade en plena transformación, pasando a ser unha das coleccións fotográficas máis interesantes destes anos de entre todas as que se conservan no Arquivo Municipal de Betanzos.

A mostra está comisariada por Antía Arcay Rodríguez, Olivia Barbero Bernabé, Alicia Maneiro Paz e Irene Paredes Rivera, alumnas do Mestrado en Estudos Avanzados de Bibliotecas, Arquivos e Museos da Universidade da Coruña, que durante o mes de maio realizaron as súas prácticas profesionais no Museo das Mariñas e traballar co fondo de Luís Veiga Cadaveira.

A exposición conta cun catálogo en liña no que se poden consultar boa parte das imaxes betanceiras e a transcrición das receitas, xunto a textos das comisarias, da fotógrafa Ana Tomé e do director do museo, Ángel Arcay. Pódese descargar de balde dende a páxina web do museo: bam.betanzos.gal

Nova: https://bam.betanzos.gal/exposicion-temporal-lvc-cuina-i-fotografia/

Catálogo:https://bam.betanzos.gal/wp-content/uploads/2025/12/LVC-Cuina-i-fotografia.pdf