Betanzos celebrou o seu Pleno Infantil, unha actividade organizada pola Concellería de Educación e os colexios Vales Villamarín e Atocha, para conmemoraren o Día da Constitución.
Participaron 17 alumnos e alumnas, de sexto curso de Educación Primaria; o mesmo número de concelleiros e concelleiras que compoñen a Corporación Local betanceira. Do total do alumnado participante, 4 eran do colexio Atocha e 13 do Vales Villamarín.
Alén da alcaldesa do colexio Atocha, Noa Servia Castronovo, este centro contou coa representación de Daniel Díaz Mariño, Xoel Sánchez Nogueira e Ana Molinero Teijeiro. Por parte do Vales Villamarín participaron Adam Doukali Mandián, Amin El Sahouari Oumezough, Antía García Rodríguez, Yeray Antón Boado, Iria Ferreiro Ucha, Rosalía Capón Ferreiro, Nicolás García Casanova, Sthefany Zuaznabar Domínguez, Simón Gilsanz Rubal, Daniela Bello Eiroa, Andrea Piñón Vieites, Andrés Taboada Fernández e Daniela Vilariño Barcia.
Entre as propostas presentadas durante a sesión plenaria, o alumnado propuxo inciativas de ámbito cultural dirixidas ás súas idades con programas como “novos talentos”, de concertos de bandas locais en espazos públicos unha vez ao mes ou de roteiros guiados pola cidade. Con estas tres actuacións, propoñen incentivar a participación das persoas máis novas na vida social da cidade.
Tamén solicitaron axudas para actividades extraescolares ou a creación de espazos para a práctica deportiva, como a construción dunha pista de skate. O grupo de representación do Vales Villamarín propuxo, ademais, actuacións relacionadas co comercio para promover en baixos do casco histórico novas actividades comerciais. Tamén solicitaron a implementación de axudas para facilitar o alugueiro e para a rehabilitación de vivendas.
Por último, aprobouse por parte do alumnado a creación dun espazo cuberto para xente nova, que sexa un centro de encontro con sala de televisión, de xogos e cun área para obradoiros. A aplicación da IA na rede semafórica; a organización de obradoiros dixitais para persoas maiores impartidos polo alumnado (baixo o título “Tecnocrea”) ou a mellora dos accesos a Internet na zona rural foron outras das propostas aprobadas.
A alcaldesa, María Barral, destacou en positivo as propostas presentadas por parte dos concelleiros e concelleiras dos dous centros escolares, coas que tocaron temas fundamentais do día a día da cidade, algunhas nas que ten competencia o Concello e outras que son competencia doutras administracións públicas. “Teremos en conta esas propostas, que nunca caen en saco roto” xa que “este pleno non é un mero trámite, senón que a esta alcaldía si lle interesa, e moito, o que pensades e propoñedes”, indicou a primeira edil.












