O Museo dás Mariñas “revive” a exposición que realizou Andrés Freire fai case medio século na cidade

362
A alcaldesa María Barral xunto a familiares do pintor na sala de exposicións temprais do Museo das Mariñas

O Concello inaugurou o pasado 26 de decembro, a exposición “Betanzos histórico e monumental” de Andrés Freire Conde no Museo dás Mariñas. Ao acto asistiron familiares do pintor así como a alcaldesa, María Barral, quen destacou o traballo e legado que fixo Andrés Freire da cidade, “captando nos seus debuxos recunchos incribles de Betanzos”.

En 1978 Betanzos acolleu unha exposición dos debuxos de Andrés Freire cun éxito rotundo, xa que a maior parte dos mesmos foron vendidos a particulares. Tras un longo proceso de investigación por parte da familia, logrouse recuperar para esta exposición unha boa parte dos traballos expostos fai case medio século. En concreto, 13 obras que servirán para rememorar aquela exposición, ademais doutros traballos que Andrés Freire foi pintando ao longo da súa vida, debuxos guiados polo seu inseparable rotulador flo-master co que captaría como ninguén a esencia da cidade en 1959, 1962, 1978, 1990 e 2002.

A mostra estará na sala de exposicións temporais do Museo, creada hai unhas semanas, que servirá para mostrar traballos de artistas que tiveron ou teñen “moito que ver con Betanzos”.

A familia agradeceu ao Concello, durante o acto, a disposición para rememorar aquela exposición de hai case 50 anos e ás persoas “que adquiriron no seu día a obra e que agora a cederon en préstamo para esta exposición”.

A alcaldesa destacou o “orgullo que é para o Concello e o Museo poder contar con esta mostra, que é un paseo por Betanzos”. Subliñou o traballo da familia para poder recompilar a obra e lembrou ao propio Freire pintando “estes recunchos na rúa, estas fotografías que reflicten épocas diferentes de Betanzos”.

Anunciou a intención de publicar un libro coa obras de Andrés Freire por todo o que significou Betanzos na súa obra.