Comparezo un ano máis neste acto ante ti en representación de todos e todas os betanceiros e betanceiras, para transmitirche a ofrenda renovada que Betanzos che fai en agradecemento polo teu padroado e protección.Dende hai séculos, cada 16 de agosto, eres testemuña desta mostra de afecto que che rendemos, con humildade, pero tamén con moita emoción. Dunha Ofrenda que a tradición converteu nun símbolo de concordia entre as ideas e as xentes da nosa cidade.
En ocasións anteriores tiven a oportunidade de traer ata ti as inquietudes e alegrías que cada ano marcan os camiños polos que transitamos. Hoxe, coa mirada posta no pasado, para aprender dos erros que nunca deberíamos ter cometido, e co desexo de abrir portas á esperanza do futuro inmediato que nos agarda, sempre baixo a túa protección, pídoche Señor San Roque, unha vez máis, que nos axudes a acadar unha maior cohesión social que se traduza na defensa da dignidade humana e do respecto aos demais.
Pedímosche que a vida cotiá non sexa un campo de batalla, que nos deas a capacidade de escoitarnos os uns aos outros.
Durante décadas parecía que o mundo aprendera de tantas guerras e fracasos e dirixíase lentamente cara a diversas formas de integración. Pero a historia dá mostras de estar a volver atrás. Acéndense conflitos anacrónicos que se consideraban superados, rexorden nacionalismos pechados, exasperados, resentidos e agresivos. Conflitos que en moitas partes do mundo parecen non ter fin. Por elo, che pedimos a túa mediación, a túa intervención, para que o mundo volva vivir en paz.
Señor San Roque, pídoche que guíes tamén os nosos pasos cara a unha sociedade igualitaria. A violencia machista acábanos de golpear de novo estes días, e moi preto de aquí. Esta lacra ten que ser erradicada de raíz e nese empeño temos que estar, sen ningún xénero de dúbida, as institucións e os seus gobernantes, pero tamén todos e todas. Non podemos tolerar nin un asasinato máis e, como sociedade, non podemos mirar cara a outro lado nen dar cabida a quenes negan a súa existencia. É imprescindible seguir avanzando, sen pasos atrás, na consecución dun mundo no que a igualdade entre homes e mulleres sexa real e efectiva.
Guíanos cara a unha sociedade máis xusta e tolerante.
Tócanos a quenes exercemos tarefas de goberno poñer en marcha as políticas necesarias para lograr o benestar xeral, empezando polos nosos mozos e mozas. Unha sociedade que non os prepare, que non os axude e que non lles facilite as oportunidades para unha vida plena e independente é unha sociedade sen futuro. E por iso debemos enfocar aí os nosos esforzos. Acabar, aos poucos, co desemprego segue sendo un obxectivo prioritario.
Non quero esquecerme dos e das nosos e nosas maiores. Deben estar presentes á hora de decidir as políticas públicas, deben ser protagonistas delas. O esforzo e o traballo ao longo de toda a súa vida deben ser tidos en conta e con eles e elas debemos ser xustos e, sobre todo, agradecidos.
Non sería xusto, con todo, obviar, Señor San Roque, os logros acadados, aínda que os consideremos insuficientes, porque as esixencias da vida e do progreso así o demandan. No camiño percorrido ata hoxe medraron os dereitos e liberdades de toda a cidadanía, sen distinción. Debemos seguir avanzando nesa senda para lograr que as preocupacións reais da sociedade estean recollidas nas normas de convivencia, sempre desde a prudencia e a tolerancia.
Betanzos volve a celebrar as festas na túa honra durante máis de dez días, a elevar o Globo co que che obsequiamos desde 1875 e que convertemos en símbolo de unión e alegría compartida, como ti nos ensinaches, a subir aos Caneiros con xúbilo sen descoidar o respecto ao Mandeo, a seguir os pasos dás danzas gremiais con entusiasmo e a vivir, en definitiva, as túas festas con ánimos renovados e coa man tendida a quen coma ti avanza cada día a través dás nosas rúas de camiño a Compostela.
Todos os días do ano, pero estes de festa especialmente, lembramos a todos e a todas que xa non están con nós, tamén a quenes tiveron que marchar da nosa terra na busca de oportunidades, os e as nosas emigrantes e a súa descendencia, betanceiros e betanceiras que aínda que están físicamente lonxe de Betanzos, están tamén aquí, presentes no noso corazón.
Para todos e todas elas, e para nós, para Betanzos, pídoche a túa especial protección Señor San Roque, a túa permanente axuda, e que sigas a iluminar o noso camiño como ao longo destes máis de 600 anos, un camiño próspero, ilusionante e no que ninguén quede atrás
Que así sexa!!!!!
Para descargar o texto integro da función do voto en PDF prema aquí