Protección civil realiza intervencións de limpeza e retira diversos elementos que caeron de vivendas deshabitadas

412

Protección Civil de Betanzos realizou nas últimas horas diversas intervencións de limpeza e retirada de elementos que caeron de varias vivendas deshabitadas situadas na avenida Jesús García Naveira, a praza Alfonso IX e a rúa Alfolí.

Trátase de caída de parte dunha cornixa, nun caso; tellado noutro e restos de fachada noutro que, debido ás choivas destes días, caeron á vía pública, tendo que ser necesaria a intervención dos efectivos de Protección Civil para a súa retirada e limpeza.

O primeiro inmoble é o situado na avenida Jesús García Naveira, no que foi necesario tomar diversas medidas de seguridade para garantir o paso de peóns, abrindo o correspondente expediente urbanístico por parte do Concello cunha orde inmediata de execución por parte das persoas propietarias, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida.

Outra vivenda está situada na praza Alfonso IX, nun canellón próximo ao que caeu parte do tellado desta vivenda deshabitada. O Concello requiriulle tamén ás persoas propietarias unha serie de actuacións urxentes de consolidación para garantir a seguridade.

Por último, na rúa Alfolí desprendéronse diversos elementos da fachada dun inmoble para a que xa existe tamén unha orde de execución ditada polo Concello para que os propietarios realicen unha serie de actuacións.

Desde a área de Urbanismo faise especial fincapé na obriga que teñen as persoas propietarias no mantemento e conservación dos inmobles. Lembrou que desde a área de Urbanismo están a darse os pasos necesarios para que “moitos propietarios actúen sobre os inmobles que teñen abandonados” ate a situación de risco nos que se atopan nalgúns casos.