Función do Voto (16 de agosto de 2021)

530

Señor San Roque

É a cuarta vez que estou diante de ti para cumprir co voto que, ano tras ano, desde hai séculos, a vila de Betanzos che fai neste día. Con humildade e responsabilidade tráioche o seu agarimo, as súas tristuras, as súas ledicias e as súas aspiracións nun futuro sempre cambiante, sempre cheo de incertezas. Por iso, unha vez máis, pídoche que nos axudes a camiñar xuntos e xuntas pola senda da esperanza.

Como ocorreu en case todo o ano 2020, o planeta enteiro seguiu a sufrir no 2021 a pandemia do Coronavirus. Despois de decretar confinamentos da poboación e unha infinidade de medidas para atallar este mal, logrouse iniciar a campaña de vacinación nos últimos días de 2020 e seguimos con ela en todo o 2021.

Así, pouco a pouco a vida retorna, a luz semella que vence ás tebras. As ganas de vivir, a pesar de todos os temores, fan que de novo as nosas rúas volvan a ter xente, que os proxectos de emprendemento agromen, que de novo volvamos a saír das casas, a camiñar, a vivir en comunidade, a encontrarnos.

Todo parecía fermoso nos anos precedentes a 2020 e, estou segura, de que todo volverá a selo nos vindeiros, co teu exemplo e coa túa axuda.

Porque se ti serviches en hospitais de persoas apestadas, salvando a moitas delas ata contaxiarte tamén da peste e fuxindo logo a un bosque para non contaxiar a ninguén, nós coñecemos innumerables exemplos de profesionais da sanidade que traballaron ata o esgotamento e mesmo ata a morte por salvar vidas. E á beira deses heroes e heroínas, hai tamén persoas case anónimas, traballadores e traballadoras do transporte, da seguridade, da alimentación e de tantas outras actividades que fixeron posible a supervivencia e a esperanza de tanta xente, e que hoxe esteamos aquí con agarimo e agradecemento diante de ti.

Nunca poderemos pagar suficientemente o seu esforzo e o seu sacrificio.

Os tempos son preocupantes, crises de todo tipo que van e que veñen, cambio climático, movementos masivos de xente na procura de sobrevivir; episodios de odio polo simple feito de pertencer a outra raza ou ter outra condición sexual; mulleres escravizadas en prostíbulos ou que nas súas casas son maltratadas e mesmo violentadas ata a morte… Temos que desterrar todo isto.

A vida ten que ser outra cousa. O respecto, o agarimo e o amor son o único camiño verdadeiro. Axúdanos a conseguilo. Pídoche protección para todas as persoas que sofren inxustizas, sexan homes ou mulleres, especialmente para os máis débiles.

Axúdanos a non perder a nosa humanidade, a que o amor que levamos dentro agrome e venza ao egoísmo e a outros males que só nos levan á desesperación. Dános valor para seguir o bo camiño, sigue ao noso pé, guiándonos como un facho de luz na escuridade.

Grazas

María Barral Varela

Alcaldesa de Betanzos

Para descargar o texto integro da función do voto en PDF prema aquí