O goberno local realiza melloras en rúas e equipamentos, entre eles o exterior do Matadoiro Municipal

328
Fachada principal do matadoiro municipal

O goberno local está a desenvolver un plan municipal de mantemento de espazos públicos que inclúe tanto a limpeza de prazas e rúas como o tratamento de pavimento. Entre as últimas actuacións incluíuse o Matadoiro Municipal, no que levaron a cabo traballos de limpeza e pintado do exterior, recuperando as cores orixinais. Xanelas, portas e o peche exterior da parcela foron algúns das partes do Matadoiro que foron acondicionadas.

Fachada lateral do matadoiro municipal

Ademais realizáronse traballos na urbanización da Condesa na que se levaron a cabo traballos de limpeza e mellora de pavimento; e pintado de mobiliario urbano, tanto bancos como papeleiras e varandas. “Realizouse unha actuación integral que agora continuará noutros barrios de Betanzos”.

Ademais da Condesa e a zona das Cascas, realizáronse melloras no parque da rúa Xudeus; na rúa Salvador Cabeza de León ou a praza Amador Cortés e doutor Fariña, lugares nos que tamén foi necesario “limpar o pavimento, neste caso as beirarrúas cun tratamento antiescorregadizo”.

O edil de Obras, Diego Fernández, indicou que tamén se realizaron en varias rúas tarefas con tratamento antiverdín.

Outra das actuacións centrouse na limpeza de puntos de vertedoiros incontrolados en varios lugares do municipio coa advertencia de que por parte da Policía Local aplicaranse “as normativas sancionadoras en vigor se se identifican aos responsables deste tipo de actos, máis cando existe no municipio un punto limpo para depositar este tipo de desfeitos”.