O goberno local mellorará o tráfico e a seguridade na avenida Fraga Iribarne coa zona do Carregal cunha nova rotonda. En concreto, será no encontro coa rúa Irmáns Martínez Santiso, ademais da construción de pequenas illas que servirán para canalizar o tránsito e transformarán a intersección en incorporacións, polo que a accidentalidade potencial do cruce diminúe considerablemente, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.
Así mesmo, tamén se fará un reforzo da sinalización viaria, tanto vertical como horizontal da zona de actuación. Esta rotonda únese á que xa se construíu no seu momento na avenida do Carregal coa avenida Fraga Iribarne para facilitar o tráfico na zona escolar e deportiva.
Por outra banda, tamén saíron a contratación as obras de mellora de zonas destacadas do casco histórico dentro do Plan Único POS +2020. Trátase da mellora da urbanización da rúa Soportais Fonte de Unta, o seu acceso desde travesía Progreso e da porta da Ponte Vella, e no caso da rúa soportais Fonte de Unta realizarase a renovación das instalacións de saneamento, abastecemento e iluminación pública. Como parte destacada do proxecto, recuperarase outra das portas medievais, a da Ponte Vella, e retirarase todo o cableado que agora forma un impacto negativo sobre este elemento patrimonial. En concreto, farase e instalación de canalización para futura eliminación de cableado eléctrico aéreo pegado ás fachadas, así como a renovación da pavimentación; e no caso da porta da Ponte Vella levarase a cabo a renovación dos servizos de saneamento e abastecemento e a instalación de canalizacións para a eliminación dos cableados de electricidade e telefonía que discorren pegados polos paramentos da porta medieval, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.
A rúa Soportais da Fonte de Unta está pavimentada con chapacuña de pizarra con caras de corte irregular en toda a súa lonxitude, e presenta un pésimo aspecto no entroncamento coa rúa Fonte de Unta debido á reiterada apertura de gabias para intentar solucionar problemas existentes nos distintos servizos. A rede de abastecemento de auga está composta por unha tubaxe de 80 mm de diámetro, e presenta una garantía de subministración moi deficiente que obrigou en xullo de 2019 á execución dunha rede provisional aérea, que será utilizada durante as obras, e que se retirará posteriormente. A rede de iluminación pública, nesta zona, está composta por luminarias antigas con lámpadas halóxenas e de luz mixta, que se alimenta por un circuíto que discorre pola fachada dos edificios da Fonte de Unta.
Canto á porta da Ponte Vella, as canalizacións do saneamento están en moi malas condicións e o cableado de electricidade e telefonía cruza a porta pegada aos seus paramentos, o que é preciso eliminar para manter o seu valor patrimonial, xa que se trata dunha das tres portas que se conservan da cidade, catalogadas como BIC.
O orzamento dos traballos chegará aos 150 000 euros.
As obras suporán una importante mellora para a zona, seguindo a liña de actuación executada noutras rúas como A Cerca. A primeira edil destacou que “o obxectivo do grupo de goberno é seguir traballando na renovación das rúas, tanto na zona nova como no casco histórico, as que se xuntan os traballos de pavimentacións que estamos a levar a cabo na zona rural”. A alcaldesa lembrou o esforzo de investimento do Concello en colaboración con outras administracións na renovación de todos estes servizos que “se facía necesario polo paso do tempo e a súa deterioración”.