Volve o VIII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos

336

O Concello de Betanzos convoca por oitavo ano o Concurso de creación literaria. Este ano o concurso abre o prazo desde o 5 de abril ata o 7 de maio de 2018, coincidindo coa programacion do Día Internacional do Libro e da Lectura e o Día das Letras Galegas. Ademais, e por segundo ano consecutivo, o concurso contará cunha categoría aberta a calquera persoa maior de idade.

Os obxectivos do VIII Concurso de creación literaria son promover o emprego escrito da lingua galega e fomentar a creación literaria xuvenil. Os textos presentados poderán ser relatos ou poesías e cada participante poderá presentar un só texto ao concurso. Tamén se establecen tres categorías nos premios, haberá un primeiro premio e un accésit na categoría do alumnado da ESO, outro na categoría de Bacharelato e ciclos formativos e un último na categoría aberta para calquera persoa maior de idade.

Todos os traballos deberán presentarse en lingua galega e o tema é libre. Os traballos poderán entregarse ata o vindeiro 7 de maio na secretarías do CPR Nosa Señora do Carme-Atocha, do IES Francisco Aguiar e do IES As Mariñas, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos (Oficinas Xerais, edificio Liceo) ou na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

As persoas interesadas poden solicitar máis información do VIII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos no Servizo de Normalización Lingüística do Concello, no teléfono 981 770 011 (extensión 2224) ou no enderezo electrónico [email protected].

Podes descargar as bases aquí.