O Concello exponlle a Augas de Galicia actuacións do porto que minimicen os problemas de inundacións que lle afectan á zona

391
Porto de Betanzos
Porto de Betanzos

O Concello expúxolle a Augas de Galicia un estudo de actuacións que minimicen os problemas que se producen na zona do porto pola subida do nivel da auga do río. Así o explicou  a alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión en Santiago co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, na que a primeira edil explicou os problemas que se suceden na zona e a afectación que teñen sobre as empresas.

A alcaldesa, que xa mantivo tamén unha reunión con responsables de Portos de Galicia sobre esta mesma cuestión, expuxo a Augas que dentro dos estudos técnicos valoren as solucións achegadas no seu día desde Estradas e Costas de Galicia na zona da Ribeira, coa instalación de bombeos que melloraron notablemente as situacións que padecía o barrio hai anos, onde sempre se alagada, con mareas altas, a estrada.

A alcaldesa indicou que aínda que este espazo é competencia de Portos de Galicia, este “organismo non ten previsto realizar actuacións na zona portuaria, polo que derivou a Augas de Galicia a formulación de calquera mellora que evite as situacións vividas nos últimos meses”.

O Concello e Augas acordaron manter contactos e definir unha posible actuación futuro “que incluiría o organismo en futuros plans” tendo en conta que se trata dun importante investimento. María Barral destacou a disposición de Augas e do seu presidente, en particular, “nunha relación de colaboración institucional que nada ten que ver con épocas pasadas”.

Na mesma reunión abordáronse outras dúas cuestións relacionadas con proxectos previstos para Betanzos pero “que non foron abordados por parte de Augas e que son necesarios para o municipio como as melloras na planta de tratamento de auga ou o plan director de saneamento”. A alcaldesa fixo especial fincapé no primeiro despois da “situación vivida durante o pasado verán no sistema de tratamento de auga potable”. Neste sentido, lembrou que levou a cabo un proxecto de algo máis dun millón de euros con achega do Concello e de Augas (a través de fondos europeos) que formaba parte doutro de maior investimento, próximo ao tres millóns, que a Xunta non abordou por limitacións orzamentarias.

Así, a formulación do Concello pasa agora por recuperar esa parte do proxecto que non se chegou a contratar e que incluía, entre outras cousas, “melloras no tratamento para  incrementar a capacidade de regulación, e optimizar tamén os procesos de potabilización, mellorando ao mesmo tempo o tratamento de restos de lodos e instalando un sistema de izonización da auga que deu bos resultados durante a crise do Norovirus”.

A alcaldesa tamén instou a Augas de Galicia a abordar, canto antes, o plan director de saneamento previsto e que suporá unha importante mellora no sistema, especialmente na depuradora.